Contracultura

Iago Comedeiro, The Skarnivals: "Latexos continúa a liña dos anteriores traballos, seguimos defendendo o que é importante"

Iago Comedeiro, coñecido como 'Kome', é o cantante do grupo The Skarnivals, que volve cun novo disco, Latexos. Comedeiro aborda a motivación tras a inactividade da banda, así como o interese en publicar este novo traballo e a acollida que está tendo, xa que como el di, “dá a sensación de que a xente tiña ganas de volver escoitarnos”. 
O músico Iago Comedeiro, no centro, xunto aos demais membros de The Skarnivals (Foto: Estudio Prolight).
photo_camera O músico Iago Comedeiro, no centro, xunto aos demais membros de The Skarnivals (Foto: Estudio Prolight).

Sete anos despois de que publicaran o seu último traballo, como é que xurdiu Latexos?

Despois de publicar Movimiento irracional aínda estivemos tocando e de feito chegamos a gravar algúns dos temas que hoxe están en Latexos. O que ocorreu foi que chegou a pandemia cando só tiñamos dous temas e apenas estiveramos nun par de salas, entón foi como frear xusto cando comezabamos.

Despois, cando quixemos retomar, todo se foi prolongando no tempo por diferentes cuestións e así acabamos estando inactivos durante catro anos. A nosa idea realmente era saír un pouco antes. Desde os nosos comezos optamos por unha temática variada desde o noso punto de vista, tratando temas que nós cremos que debemos reivindicar ou dar visibilidade. E non só a nivel de revolución, tamén está a nosa cultura, a terra, a lingua... Latexos é unha continuación dos anteriores traballos no sentido de que hai un pouco de todo e de que seguimos defendendo aquilo que para nós é importante. Antes de sacar o disco publicamos

Do revés, que foi xusto o primeiro sinxelo que lanzamos antes da pandemia porque encaixaba co noso estilo de música e coa nosa enerxía, ademais cunha mensaxe sobre a liberdade de expresión que para nós é importante. 
Despois sacamos Cuadro, que foi un pouco pensando no tempo que estivemos parados. Queríamos saír con algo que tivese moita enerxía e potencia. 

Saíu o 25 de xaneiro, como está sendo a acollida polo momento?

A verdade que estamos tendo un feedback moi positivo. Claro, hai que ter en conta que levamos moito tempo parados e que todo vai levar un ritmo máis pausado, mais realmente está sendo unha acollida moi boa e estamos moi contentos. Ao final, o traballo e o esforzo de todo este tempo metidos no estudio, de dedicarlle horas, suor e bágoas está tendo un resultado positivo.

Notamos a calor da xente, tanto nos concertos como cando nos atopan por aí ou polas mensaxes que nos chegan polas redes; dá a sensación de que a xente tiña ganas de volver escoitarnos. Evidentemente o último disco xa está máis que escoitado, xa aburriu, e despois de tanto tempo agradecemos volver notar ese apoio. É moi fermoso. 

García MC e Juankar están tamén en Latexo e en Volveríame a erguer, respectivamente. Como xurdiron estas colaboracións?

Pois case viñan de atrás, sobre todo por temas de admiración, amizade, ganas... García MC é unha das grandes voces do rap na Galiza e como temos boa relación tamén nos apetecía moito facer algo así con el. No caso de Juankar, alén de levarnos ben e de que sexa unha persoa xenial, é un tipo ao que admiramos moitísimo.  É parte dunha das bandas coas que nos criamos de pequenos e para nós era case un agasallo facer unha colaboración con el.

Foi un pouco así, pensando en xente coa que nos apetecía facer algo e que significaran algo especial para nós. As colaboracións sempre están ben porque a persoa que colabora pon as súas achegas, coa súa voz ou metendo tamén parte da súa letra neste caso. É súper enriquecedor, máis aló do traballo porque nós estamos nisto por amor á música, como quen di. Millonarios non nos imos facer, entón a nivel cultural e de xuntarnos con persoas que levan toda a vida no mundo da música é moi especial. 

Agora, cal é o plan para a xira?

Arrancaremos cun pequeno tour pola Galiza. O 4 de febreiro estaremos no Aturuxo (Bueu), que para nós é un punto obrigado; o 11 na Sala Filomatic (A Coruña), o 25 de marzo na Sala Auriense (Ourense) e o 20 de maio na Sala Moon (Santiago). A estas datas iremos engadindo outras por Madrid, Asturias e outros lugares. Seguramente sexa despois do inverno, depende de como se vaia organizando todo, mais aínda non podemos confirmar nada. 

Comentarios