A PREVIA | O Celta Fortuna viaxa ao 'inferno' na procura dun boleto para avanzar no camiño á Segunda

A Rosaleda de Málaga recibirá os canteiráns celestes cun ambiente moi hostil.
O coliseo andaluz colgará o cartel de 'Non hai boletos' co gallo do choque contra o filial olívico. (Foto: Malaga CF).
photo_camera O coliseo andaluz colgará o cartel de 'Non hai boletos' co gallo do choque contra o filial olívico. (Foto: Malaga CF).

O extraordinario nivel que nos últimos anos vén rexistrando a canteira do Real Club Celta de Vigo manifestouse na irrupción de talentos do nivel de Brais Méndez, Gabri Veiga ou Hugo Álvarez, pero non no ascenso á Segunda División dun filial que  está inmerso no seu quinto play-off nos últimos oito anos.

Así, para lograr saír por fin da antiga Segunda B deberá, en primeiro lugar, eliminar nas semifinais un Málaga (sábado, 19.30 horas) co que empatou a dous goles no encontro de ida, disputado en territorio galego.

O conxunto andaluz, un histórico que esta tempada caeu nos infernos da Primeira Federación tras máis dun cuarto de século na elite, conta co apoio incondicional das máis dun millón de persoas que viven na quinta área metropolitana máis poboada do Estado, e que están entregados en corpo e alma á causa de devolver o 'seu' Málaga ao lugar no que cren que merece estar.

No que foi toda unha declaración de intencións, o técnico local, Sergio Pellicer, manifestou que o que vivirán Celta Fortuna e Málaga non será un partido de fútbol, senón "un combate de boxeo", unha linguaxe bélica que non abandonou en toda a súa comparecencia ante os medios, falando, tamén da "guerra por ter a pelota" ou  da "valentía" que deben exhibir os seus homes.

Imbuída por ese espírito, a afección malagueña, que hai días que decora as súas fiestras e balcóns con bandeiras coas cores branca e azul, protagonizará un recibimento aos seus homes dúas horas antes do comezo do choque. E, unha vez dentro dunha Rosaleda que colgará o cartel de 'non hai boletos', as máis de 30.000 seareiras e seareiros alí congregados levantarán cartolinas para formar un mosaico en apoio aos seus xogadores, antes de lanzar papeis recortados que arroxarán ao terreo de xogo cando os locais salten ao céspede.

Comentarios