Atletismo

Adi Iglesias e Aldara Meilán, nomes propios no Galego de Atletismo

Belén Toimil e Ana Peleteiro son as grandes ausentes.
A marchadora lucense Aldara Meilán vén de gañar un ouro no Mundial Sub-20 por equipos. (Foto: Concello de Ames).
photo_camera A marchadora lucense Aldara Meilán vén de gañar un ouro no Mundial Sub-20 por equipos. (Foto: Concello de Ames).

Un día despois de publicar a previa da modalidade masculina do Campionato da Galiza de Atletismo ao aire libre nas categorías absoluta e Sub-23, que se desenvolverá de forma íntegra sobre as pistas municipais de Balaídos (Vigo) o próximo sábado, 15 de xuño,  chega a quenda das mulleres neste dixital de Nós Diario.

Na edición de 2024 do certame as atletas superarán en número (268) os seus compañeiros (250), a pesar das ausencias dalgúns dos nomes máis destacados do panorama actual, inmersas na preparación dos inminentes Xogos Olímpicos, como é o caso de Ana Peleteiro ou Belén Toimil. 

Iso deixa como principal estrela do Galego á dúas veces medallista nos Xogos Paralímpicos, Adi Iglesias, quen aspira a repetir en París 2024 o seu gran papel en Toquio 2020. 

A do equipo Lucus Augusti participará nas carreiras de 100 e 200 metros lisos, onde terá unha importante competencia nas figuras de Cristina Garrido, Andrea Pais e unha Ainhoa Repáraz que reaparece logo dunha lesión que a mantivo apartada do tartán durante os últimos meses.

A igualdade, asemade, será a tónica dominante nos 400 metros, onde a vixente campioa, Eugenia Gil, terá enfronte as potentes Alicia Barreiro e Ana Iglesias, ao contrario do que acontecerá nos 800. Nesa distancia, os seus 2.06 fan de Himi Lamiyae a favorita, mais por levar menos de tres anos con ficha galega non poderá colgar do pescozo ningún metal aínda que logre imporse, o que deixa María Fernández (2.08.86) como candidata número un a repetir o seu triunfo de 2023.

Nas probas de fondo, pola súa parte, a campioa nacional de milla en ruta e de pista 'indoor', Eva Piñeiro, acode a Vigo coa intención  de plantarlle cara  tanto á vixente ouro galego, Inés Docampo, como á vencedora do Europeo por equipos Sub-20 de cros, Antía Castro.

Uxía Pereira quere un 'dobrete' nos valos

Os 13.76 rexistrados por Uxía Pereira nos 100 valos dan á lucense un importante aval de cara a facerse cun título ao que opta, ademais, nos 400 valos, aínda que alí a pontevedresa Lucía Ferrer e a ferrolá Lucía Rivadulla deberían pórlle ás cousas moito máis difíciles que no hectómetro.

Tamén resulta complexo determinar quen levará o gato á auga no duelo por subir ao máis alto do podio entre Isabel Caeiro e Sara Guedes nos obstáculos e Paula Piñón e Antía Otero no lanzamento de xavelina.

Polo contrario, Iria Solera, Manuela Blanco, Xiana Lago e María Ezquero son claras favoritas a facer o propio no salto de altura, o de pértega, o lanzamento de peso e o de disco, respectivamente.

Na lonxitude, Olaia Gisela Becerril -de volta temporalmente dos Estados Unidos de América, onde estuda e adestra- intentará revalidar a súa medalla de ouro e achegarse até a barreira psicolóxica dos seis metros nun concurso no que terá como máximas rivais a Diaou Diallo e Andrea Villaverde; no triplo salto tamén se producirá outra reaparición, a de Alba Cuns, actual campioa de España Sub-20 e única muller  da proba, xunto con Alba Martínez, que traspasou o límite dos 12 metros.

Por último, o público non debería perder de vista as evolución sobre o sintético olívico da gran sensación da marcha galega, Aldara Meilán, quen hai pouco máis dun mes conquistaba en Turquía o Mundial Sub-20 por equipos. 

Comentarios