A Caniza reivindícase como a capital galega do 'pump track'

A disciplina ciclista volve á Paradanta un ano despois.
O evento de 'pump track' disputarase o día 15 de xuño. (Foto: FCG).
photo_camera O evento de 'pump track' disputarase o día 15 de xuño. (Foto: FCG).

A comarca da Paradanta, e máis concretamente a localidade da Cañiza, erixíronse desde o pasado ano 2023 en referencia dentro do contexto galego ao acoller a I Copa da Galiza de pump track.

Esta modalidade deportiva, cun nome que traducido ao galego significaría 'pista de impulso', aproveita a inercia do movemento humano sobre unha bicicleta ou unha táboa de skate para alcanzar grandes velocidades mediante os movementos ascendentes e descendentes do corpo sobre uns circuítos que deben ser creados ex profeso para a disciplina e que, no caso do da Cañiza, está deseñado por Álex Durán -responsábel das probas do BMX do festival O Marisquiño-, quen o definiu como "o máis completo do país".

Agora, un ano máis tarde, regresa o II Gran Premio de Pump Track Concello da Cañiza, que terá lugar o próximo 15 de xullo, día sábado.

A proba, segundo confirmou a organización, a cargo do Club Pontebike Team e a empresa SportsKids, arrancará ás 9 horas cos adestramentos, e continuará aproximadamente ás 10 coas clasificatorias até chegar ás 11.30, cando se desenvolverán unhas finais nas que serán da partida máis de 120 ciclistas distribuídos en 11 categorías diferentes, aínda que a cifra de participantes podería aumentar nas próximas datas, xa que o prazo de inscrición aínda está aberto.

A selección galega regresará en Salamanca

A falta dun mes para a disputa do Campionato de España en Avilés (Asturias), a selección galega cadete de ciclismo afronta un importante test esta fin de semana (8 e 9 de xuño) na Challenge Provincia de Salamanca.

De cara á cuarta edición do certame charro, o seleccionador, Jacobo Ucha, chamou cinco corredores: Lucas Blanco, Anxo Suárez, Xián Rodríguez, Nicolás Puga e Rodrigo García.

Comentarios