A PREVIA | Día histórico para Burela, no que poden vivir un ascenso e o primeiro paso a un título

O feminino xoga ás 10 co Futsi e o masculino ás 20.30 co Antequera.
As da Mariña son favoritas Rubén Burela).
photo_camera As da Mariña son favoritas Rubén Burela).

Burela é unha localidade galega situada na comarca da Mariña que na actualidade conta con algo menos de 10.000 habitantes, concretamente 9.454, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) para o ano 2023.

Lonxe das dimensións dos grandes núcleos urbanos xa non da Galiza, senón do conxunto do Estado, cando chega o momento de falar de fútbol sala Burela eríxese como unha megalópole sen competencia que este sábado vivirá un día para a historia.

Porque o Pazo de Vista Alegre acollerá este sábado, 15 de xuño, dúas finais de play-off en menos de 12 horas, pois o feminino do Pescados Rubén opta a levantar un novo título ligueiro e o masculino ao ascenso a unha Primeira División na que non milita desde o verán de 2022, bloque aquel do que só continúan na actualidade Kaluza, Lucho, Pitero, Isma e Rikelme.

Deste modo, as guerreiras laranxas abrirán o maratón de fútbol sala ás 10 horas co gallo do primeiro choque da eliminatoria ante o seu eterno rival, o Futsi Atlético Navalarnero.

Con esta, galegas e madrileñas xa protagonizaron sete das últimas 13 finais, e todas desde 2021, o que configura este choque como o gran clásico do fútbol sala feminino estatal.  

Porque, como manifestou Antía Pérez, unha das grandes estrelas da escuadra da Galiza, na rolda de prensa previa ao encontro, o Futsi é "un vello coñecido". "Será un partido de ti a ti contra o noso eterno rival, pois elas saben como xogamos e nós sabemos como o fan elas, pero na nosa casa debemos sacar ese plus de enerxía para facernos co primeiro punto do play-off.

Xa no referente aos homes, estes chegan con todo a favor para certificar o anhelado ascenso ante o UMA Antequera, logo da goleada que lle inflixiu ao combinado andaluz no choque inaugural (1-5).

Por iso, un triunfo ás 20.30 horas será sinónimo de ascenso, mais o adestrador dos 'Pícaros', David Rial, fixo un chamamento á calma: "O equipo fixo un gran partido en Antequera a semana pasada, excelso, pero haberá momentos de sufrir, de pór a roupa de traballo, e ogallá poidamos manter esa dinámica".

A RFEF anuncia as datas para o sorteo do calendario

Cambiando o fútbol sala polo que se disputa sobre herba, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) anunciou onte as datas dos sorteos do calendario na Primeira e a Segunda División. Así, o Celta coñecerá a súa 'folla de ruta' o 18 de xuño, mentres que Rácing e Dépor deberán agardar até o día 26.

Comentarios