Famaliçao e Braga reciben a nova edición dos Xogos do Eixo Atlántico

A cita estenderase entre o 30 de xuño e o 5 de xullo
O deporte base é o protagonista nos Xogos do Eixo Atlántico. (Foto: Eixo Atlántico).
photo_camera O deporte base é o protagonista nos Xogos do Eixo Atlántico. (Foto: Eixo Atlántico).

A XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico levarase a cabo nas cidades portuguesas de Vila Nova de Famalicão e Braga entre o 30 de xuño e o 5 de xullo.

Esta certame, que se disputa cada dous anos, será inaugurado o próximo domingo nos xardíns de Paços do Concelho de Vila Nova de Famalicão a partir das 18 horas da Galiza, nun acto que contará co desfile das delegacións que participan neste 2024 e que reunirá preto de 2.400 persoas inscritas, a cifra máis alta nos seus 30 anos de existencia.

Desde a súa orixe, en 1995, esta competición é "unha das principais bandeiras do Eixo Atlántico", tal e como destacou a organización nun comunicado, salientando o seu labor como "factor de gran mobilización de mozos e mozas deportistas".

"Os Xogos constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa, fomentando a participación de toda a cidadanía e a construción da Eurorrexión do Eixo Atlántico que, á súa vez, enmárcase na construción da Europa das cidades e da cidadanía", engadiu o ente, apostilando que "o deporte, a cultura e a educación son elementos imprescindíbeis para a construción dunha Europa social que impulsou Jacques Delors hai 30 anos e que hoxe están en risco ante o ascenso dunha extrema dereita antieuropeísta".

Competicións para todos os gustos e padais

As modalidades deportivas nas que se competirán son balonmán, voleibol, baloncesto, natación, atletismo e fútbol 7, a gran novidade no programa. 

Por outra parte, e como vén sendo habitual, nesta ocasión tamén se desenvolverán competicións no eido do deporte adaptado, estando rexistrados os nomes de case 200 persoas e prevista unha homenaxe ao atleta paralímpico local Luís Silva.

Comentarios