A Federación comprométese a que soe o himno galego completo ao inicio do Galiza-Panamá

Vía Galega destaca a involucración das peñas en crear "o clima necesario para que esta sexta feira Balaidos se converta nun acto de afirmación nacional coa nosa selección".
Xuntanza entre Vía Galega e a Real Federación Galega de Fútbol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xuntanza entre Vía Galega e a Real Federación Galega de Fútbol (Foto: Nós Diario).

O 24 de abril, Vía Galega, dirixiuse á Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) para trasladarlle a necesidade de conseguir a oficialidade das nosas seleccións e a fixación dun calendario estábel de partidos. Ademais, a organización propuxo tratar diferentes aspectos relacionados co encontro entre a Galiza e Panamá.

Finalmente, este 27 de maio tivo lugar unha reunión de Vía Galega e a RFGF para tratar as cuestións referidas ao partido da selección, previsto para o día 31 de maio, á espera de fixar unha próxima reunión á que poida asistir a Presidencia e abordar con máis profundidade o dereito de competir oficialmente das nosas seleccións deportivas.

Na reunión, á que asistiron por Vía Galega Anxo Louzao, Adrián Bravo e Lucía Veciño, membros da coordinadora nacional, e pola RFGF o vicepresidente Fernando Iglesias e o coordinador José Luís Chantrero, a organización tivo a oportunidade de informar das campañas que veu despregando, mediante diferentes actividades e accións, para reivindicar o dereito da Galiza a competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas e para exixir a fixación dun calendario estábel de competicións amigábeis, tanto da selección masculina como da feminina.

A RFGF mostrouse receptiva a estabelecer un calendario con datas de referencia para fixar os encontros amigábeis todos os anos, mais non se comprometeu, alegando as dificultades que tiñan para non coincidir coas diferentes competicións dos clubs e o custe económico da organización dun encontro das seleccións.

En relación coa oficialidade das nosas seleccións, a federación observouna inviábel neste momento, ante o marco xurídico e compentencial actual, mais si coincidiu en que sería unha oportunidade para os nosos xogadores e xogadoras e en que a Galiza sería competitiva ante calquera selección do mundo.

Para Vía Galega o poder competir internacionalmente é “fulcral” porque as seleccións deportivas “representan ao pobo galego, cultivan a outoestima e alimentan a conciencia de pertenza a unha nación”. “É inaceptábel que a estas alturas a Xunta de Galiza non conte cun orzamento anual que facilite, a nivel económico, os encontros internacionais. Estes dous temas tan relevantes, a oficialidade e a fixación dun calendario estábel, serán cuestións a continuar abordando na entrevista pendente coa Presidencia da RFGF”, explicou Vía Galega.

Con respecto ao partido Galiza-Panamá, a federación asumiu a proposta, xa feita hai máis dun mes, de que se interprete o himno galego completo ao inicio do partido. Así mesmo, abriuse á posibilidade que no descanso do partido se escoite pola megafonía do estadio o himno deportivo: Galiza, un Pobo, unha selección, promovido no ano 2021, por Vía Galega e que tivo unha grande acollida.

“Ante a nosa preocupación por non ter fixado ningún partido da selección feminina de fútbol, afirmaron que non fora posíbel polo calendario de algunhas xogadoras, mais comprometéronse a que antes de rematar o ano a nosa selección feminina terá partido internacional”, acrecentou a organización.

“Tamén lle trasladamos a nosa preocupación -despois de oito anos sen partidos das nosas seleccións- pola escasa divulgación do partido cando só faltan catro días para o enfrontamento deportivo”, explica Vía Galega, que ve neste feito unha “mostra do desleixo de toda a oficialidade e da Xunta de Galiza. Só os seareiros e as seareiras, así como as peñas, se están involucrando e creando o clima necesario para que esta sexta feira Balaidos se converta nun acto de afirmación nacional coa nosa selección”, acrecentou.

Para rematar, Vía Galega fixo un chamamento a participar na manifestación pola oficialidade das seleccións galegas, que sairá esta sexta feira 31 de maio, ás 18.30 horas, da Praza América até Balaidos, para a continuación animar á Irmandiña.

Comentarios