Galiza di adeus a Alejandro Gómez, que xa é historia do atletismo galego

'O galgo de Zamans' participou en tres Xogos Olímpicos: Seul '88, Barcelona '92 e Atlanta '96
Alejandro Gómez é, como deixa claro o seu currículo, o abandeirado da xeración de ouro do atletismo galego (Foto: RFEA).
photo_camera Alejandro Gómez é, como deixa claro o seu currículo, o abandeirado da xeración de ouro do atletismo galego (Foto: RFEA).

O atletismo galego está de loito polo pasamento dunha das maiores iconas na historia recente deste deporte: Alejandro Gómez Cabral. Coñecido como 'O galgo de Zamans', o atleta vigués faleceu vítima dunha enfermidade que o tivo en tratamento durante os últimos seis meses para atrasar o máximo posíbel o fatal desenlace que se produciu este domingo.

Gómez levaba xa tempo apartado da escena deportiva e social, salvo para recibir as innumerábeis mostras de cariño en forma de homenaxes por parte de todos os sectores do deporte e da sociedade galega en xeral, sendo un dos máis emotivos o que tivo lugar o pasado mes de xullo, cando recibiu a máxima condecoración da Federación Galega de Atletismo (FGA) de mans do seu presidente, Isidro Hornillos, sempre coa súa compañeira ao seu carón, a tamén atleta Paula Hernández

Para Hornillos, con Alejandro Gómez "vaise unha figura histórica, que sabía correr en calquera superficie, sempre competitivo e que, ademais foi un exemplo para as novas xeracións tamén polo seu modo de afrontar unha grave enfermidade, pois tras detectarselle seguiu traballando con ilusión. Foi un modelo de vida até o final".

O seu homólogo na Estatal, Raúl Chapado, manifestou que o deportista galego "pasará á historia e permanecerá no noso recordo como un atleta '10' dentro e fóra da pistas e a competición, como un home bo, loitador até a medula durante toda a súa vida e un auténtico todoterreo.

Pola súa banda, para o secretario xeral do Deporte da Xunta da Galiza, José Ramón Lete Lasa, Alejandro Gómez "foi un home que deixa tras de si unha traxectoria exemplar para as máis novas". "Falamos, probabelmente, do mellor atleta galego de todos os tempos, por quen foi, polo que fixo e polo que supuxo", engadiu.

Un atleta irrepetíbel

Alejandro Gómez é, como deixa claro o seu currículo, o abandeirado da xeración de ouro do atletismo galego, tendo como principal característica a capacidade para asumir retos, abordar dificultades e plantar cara ante todos aqueles desafíos que tanto a nivel persoal como deportivo a vida lle puxo no camiño. 

Cun currículo ao alcance só das lendas, o vigués foi o líder dunha extraordinaria xeración de fondistas galegos e galegas que durante os últimos anos da década dos 80 e até mediados dos 90 dominaron as probas de fondo e campo a través.

Adestrado por Julio Rodríguez, xa de xuvenil amosou as súas excepcionais cualidades, que o levarían a destacar tanto nos obstáculos como nos 5.000 e os 10.000 metros lisos, así como no maratón e o campo a través, até o punto de ser considerado naquel momento por Gerardo Cebrián -un veterano xornalista especializado na materia- como "a máis firme esperanza de medalla" do atletismo nos Xogos Olímpicos de Barcelona 92.

Por desgraza, a sorte non estivo do seu lado na cidade condal e tivo que abandonar por unha serie de problemas físicos. Catro anos antes, en Seul '88, alcanzaría as semifinais nos 5.000 metros lisos, e na súa derradeira participación olímpica, en Atlanta '96, finalizou décimo quinto na proba dos 10.000 metros.

Ademais, durante a súa dilatada carreira Alejandro Gómez conquistou nove campionatos de España absolutos nas probas de fondo e campo a través ou o subcampionato no prestixioso maratón de Rotterdam.

Comentarios