A Galiza, primeira parada das ligas Eusko Label e Euskotren

Arrancarán na Coruña e en Bueu esta fin de semana.
Bueu únese a Cabo da Cruz (na imaxe) na elite masculina estatal. (Foto: Liga ACT).
photo_camera Bueu únese a Cabo da Cruz (na imaxe) na elite masculina estatal. (Foto: Liga ACT).

As augas galegas da Coruña e Bueu darán esta fin de semana inicio ás ligas Eusko Label masculina e Euskotren feminina, as dúas principais competicións de traiñeiras a nivel estatal, e nas que Urdaibai e Arraun Lagunak defenderán os títulos conseguidos o pasado ano.

Deste modo, a VII Bandeira Cidade da Coruña feminina arrancará ás 17.50 horas do sábado, mentres que a VIII Bandeira Cidade da Coruña masculina fará o propio xa ás 18.21. Un día despois, o domingo 30 de maio, será a quenda da I Bandeira Feminina Concello de Bueu (11.25 horas) e da III Bandeira Masculina Concello de Bueu (12.21 horas).

No referente aos homes, a 'Bou Bizkaia' de Bermeo parte un ano máis como favorita para facerse co que sería o seu décimo título. A tripla coroa de campioa de Bizkaia, Euskadi e España conquistadas no último mes fan da 'cuadrilla' de Iker Zabala o rival a bater para o resto de aspirantes.

Entre estes últimos emerxe unha terna de candidatos formada polos tamén biscaíños de Zierbena e os guipuscoanos de Hondarribia e Donostiarra. Un chanzo por debaixo, mais con aspiracións e potencial para sorprender nalgunha regata, albíscase a Orio e Getaria. E, finalmente, co obxectivo de evitar problemas e pasar unha tempada o máis tranquila posíbel a nivel clasificatorio, aínda que sen renunciar a nada, aparecen Kaiku, Ondarroa, Lekittarra e os galegos de Cabo da Cruz.

As grandes incógnitas prometen ser os recentemente ascendidos, un histórico como San Pedro, que regresa á elite despois de cinco anos, e os debutantes de Bueu

Pola súa parte, na liga feminina non hai cambios en canto ás protagonistas. Donostia Arraun Lagunak defende título e parte como gran favorita despois de que, como Urdaibai en homes, dominase os campionatos provincial, nacional e estatal.

Orio e Donostiarra tratarán de discutir o dominio da 'Lugañene', mentres que Tolosaldea e Hondarribia parecen destinadas a loitar por completar a quenda de honra con máis opcións que Hibaika, Cabo da Cruz e Tirán.

As novidades da liga feminina son o aumento de regatas puntuábeis, de 14 a 16, e a perda da cota obrigatoria de dúas traiñeiras galegas para 2025, polo que ambas poderán descender se finalizan na cola da táboa.

Comentarios