Fútbol

A FIFA anuncia a disputa do primeiro Mundial de Clubs Feminino

O certame debutará no calendario en 2026.
O Deportivo feminino vén de ascender á máxima categoría estatal. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O Deportivo feminino vén de ascender á máxima categoría estatal. (Foto: RC Deportivo).

O Consello da FIFA, logo de reunirse en Bangkok (Tailandia) antes do seu 74 Congreso, aprobou por unanimidade o calendario internacional no referente ao fútbol feminino entre os anos 2026 e 2029, no que a gran novidade é a creación dun Mundial de clubs que enfrontará 16 equipos en xaneiro ou febreiro de 2026.

Case un lustro despois de publicar, en decembro de 2022, os principios estratéxicos para a súa creación, e despois de "exhaustivas consultas" posteriores coas confederacións e demais partes interesadas, o organismo reitor do fútbol a nivel internacional confirmou o que xa era un segredo a voces. 

Así, a edición inaugural deste torneo será, como se apuntaba anteriormente, no mes de xaneiro ou no de febreiro do ano 2026, e terá lugar cada catro anos,  aínda que a FIFA non deu moitos máis detalles sobre o formato da competición, a distribución das súas sedes ou a forma de clasificarse.

Por outra parte, nos anos en que non se dispute ese Mundial de Clubs, e para "facilitar o desenvolvemento continuo dos clubs femininos en todo o mundo, atendendo ás solicitudes das confederacións de brindar suficientes oportunidades de competir cada ano", propúxose que se organice outra proba feminina por equipos a partir de 2027.

Para o presidente Federación Internacional de Fútbol Asociación, o suízo Gianni Infantino, este novo calendario internacional feminino, así como as emendas ao regulamento que veñen de aprobar, representan "avances importantes" no compromiso do ente por "subir o listón" do fútbol feminino.

"Queremos incrementar a competitividade, sobre todo nas rexións onde o fútbol feminino está menos desenvolto, ao mesmo tempo que medra a protección do benestar das xogadoras. Ter acordado o calendario con suficiente antelación será beneficioso para a planificación", sinalou Infantino.

A maiores, o Consello da FIFA confirmou que a sede da Copa Mundial Feminina de Fútbol do ano 2027 sairá de entre as candidaturas do Brasil e a formada conxuntamente por Bélxica, os Países Baixos e Alemaña, mentres que no referente á flamante Copa do Mundo de Fútbol Sala Feminino, que se levará a cabo por primeira vez en 2025, esta será nas Filipinas.

Comentarios