EUROCOPA

Inglaterra e Francia: dous favoritos en perigo na Euro

A fase de grupos da Eurocopa de Alemaña alcanza o seu pico de intensidade na súa penúltima xornada, pois esta terza feira disputaranse até catro partidos diferentes, récord do torneo. Así, ás 18 horas colidirá Austria cos Países Baixos e Francia con Polonia, mentres que para ás 21 fican o Inglaterra-Eslovenia e o Dinamarca-Serbia.
'O Guerreiro do Anteface', Kylian Mbappé, está tolo por volver á acción no choque ante Polonia. (Foto: Europa Press).
photo_camera 'O Guerreiro do Anteface', Kylian Mbappé, está tolo por volver á acción no choque ante Polonia. (Foto: Europa Press).

Vai sendo hora de ir para casa era o tema composto por Julián Hernández, Mariano Lozano e Manuel Romón co que fechaba as súas emisións desde o seu nacemento no ano 1994 o Xabarín Club, no que uns deprimidos porquiños relataban as súas penas ante a idea de retirarse até que o sempre optimista líder da ranchada que daba nome ao programa encomendábaos a gozar do momento pensando en que sempre haberá un mañá.

A esa filosofía encoméndanse tanto os e as amantes do fútbol, que vén como a primeira fase da Eurocopa chegará á súa fin en apenas un día, como os distintos equipos participantes que aínda non fecharon o seu pase aos oitavos de final, entre eles dous dos máximos favoritos a levantar o trofeo, Inglaterra e Francia

Os galos, segundos clasificados do Grupo 'D' con catro puntos, son os que mellor o teñen, xa que coliden ás 18 horas desta terza feira (Westfalenstadion de Dortmund) cunha Polonia que xa está matematicamente eliminada logo de non ser quen de sumar nin un só punto nos dous primeiros partidos. Ademais, tamén teñen ao seu favor o regreso de Kylian Mbappé, que partirá desde o banco de suplentes, pero que, ataviado con anteface para protexer a súa fractura de nariz, xa está listo para xogar.

Paralelamente, Países Baixos e Austria disputarán no Olímpico de Berlín un duelo fundamental para determinar quen leva a medalla de ouro, a de prata ou a de bronce, pois os neerlandeses teñen os mesmos puntos que Francia (4) e os pupilos de Ralf Rangnick só un menos (3).

Pola súa parte, o Grupo 'C' dilucidarase en horario unificado, ás 21, nun escenario moi aberto, dado que Inglaterra conta con catro puntos, Eslovenia e Dinamarca con dous e Serbia con un.

Estes dous últimos conxuntos colidirán no Fußball Arena de Múnic sabendo que todo o que non sexa un triunfo deixaraos, con case total seguridade, fóra do torneo. Porén, o prato estrela -e o máis morboso- da xornada está no Inglaterra-Eslovenia (RheinEnergieStadion, Colonia), pois o cuestionado Southgate debe convencer ante un bloque balcánico sólido e correúdo.

Comentarios