EUROCOPA

Inglaterra e Holanda coliden polo segundo posto na final da Eurocopa

Sen favorito claro, nin os Pross nin os Oranges convenceron co seu xogo no que vai de torneo.
Bellingham e Kane son, con permiso de Foden ou Saka, as grandes ameazas inglesas. (Foto: Europa Press).
photo_camera Bellingham e Kane son, con permiso de Foden ou Saka, as grandes ameazas inglesas. (Foto: Europa Press).

Agora si. A Eurocopa de Alemaña 2024 encara a súa recta final coa segunda e última das semifinais. Deste modo, logo do duelo que enfrontou o combinado do Estado español co do francés na noite da terza feira, esta cuarta será a quenda de Inglaterra e Holanda, que coliden polo outro posto na finalísima (BVB Stadion de Dortmund, 21 horas).

Sen favorito claro, nin os Pross nin os Oranges convenceron co seu xogo no que vai de torneo, sufrindo especialmente nunha rolda de cuartos na que Inglaterra viuse obrigada a chegar á lotaría dos penaltis e os Países Baixos a remontar un resultado adverso ante unha Turquía que demostrou ser superior.

Por iso resulta tan complexo elaborar un prognostico dun choque que, con todo, semella lixeiramente inclinado do lado británico dado o definitivo regreso do mancado Luke Shaw e o superior talento individual de nomes como Phil Foden, Saka, Kane ou Bellingham sobre os Memphis, Gakpo, Xavi Simons e compañía.

Adeus, Thiago Alcántara

Un dos mellores xogadores galegos da última década -e que participou tanto na Euro de 2016 como de 2020-, Thiago Alcántara, oficializou esta segunda feira o segredo a voces da súa retirada.

Ex de clubs do nivel de Barcelona, Bayern de Múnic ou Liverpool -onde disputou os seus últimos encontros como profesional-, o fillo da lenda celeste Mazinho colga as botas aos 33 anos a causa das numerosas lesións que o asolaron, impedíndolle participar en máis dun único encontro durante a recente Premier League 2023/24.

Comentarios