Interior permitirá desaloxar estadios por causas racistas

Os insultos racistas serán a partir de agora motivo de suspensión nos eventos deportivos.
O xogador do Celta Aidoo ten recibido insultos racistas (Foto: Irina R. Hipolito / Afp7 / Europa Press).
photo_camera O xogador do Celta Aidoo ten recibido insultos racistas (Foto: Irina R. Hipolito / Afp7 / Europa Press).

O Ministerio do Interior do Goberno español ditou unha instrución pola que permite que se suspenda e desaloxe calquera evento deportivo no que se produzan incidentes racistas. Ademais, vixiarase tanto dentro dos estadios como nos arredores e medios de transportes se hai un intento de "atentar contra a dignidade do acosado e crear unha contorna intimidatoria, humillante ou ofensiva". 

A instrución 8/2023 da Secretaría de Estado de Seguridade, coñecida onte, recolle tamén que, no caso de que ocorra un incidente racista, o coordinador de seguridade poderá propor ao árbitro ou aos xuíz deportivos do evento non iniciar, paralizar ou suspender a súa celebración, así como desaloxar parte ou todo o recinto para pór fin aos incidentes. Dita suspensión pode ser temporal ou definitiva. 

A medida busca reforzar o campo de actuación da persoa que coordina a seguridade, función que exerce un membro das forzas e corpos de seguridade do Estado español dentro do contemplado na lei contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte. A intención é "sistematizar" a actuación ante "calquera expresión de discriminación ou intolerancia nos espectáculos deportivos" na actualidade. 

Lista de comportamentos

Segundo a instrución de Interior, a lista de comportamentos que poden orixinar a suspensión dunha competición ou o desaloxo do público inclúe declaracións, xestos ou insultos proferidos nos mesmos espazos deportivos.

Tamén a entoación de cánticos, sons ou consignas con mensaxes vexatorias, xa sexa por razón da orixe racial, étnica, xeográfica ou social, así como por motivos relixiosos, orientación e identidade sexual, expresión de xénero ou características sexuais. 

A instrución sinala, ademais, como sancionábel "a exhibición de pancartas, bandeiras, símbolos ou outros sinais que conteñan mensaxes vexatorias ou intimidatorias para calquera persoa polas mesmas razóns, así como os que inciten ao odio entre persoas e grupos ou que atenten gravemente contra os dereitos, liberdades e valores proclamados na Constitución".

Por último, sancionarán "no caso dos organizadores a permisividade deste tipo de condutas, así como o apoio a actividades de peñas e asociacións que incumpran a lei".

Comentarios