EUROCOPA

'Match ball' para Escocia ante Suíza

Comeza a segunda quenda de partidos dentro da primeira fase, e Escocia, única nación sen Estado que participa nesta edición do torneo continental, podería tornar na primeira eliminada se non raña polo menos un empate fronte unha Suíza que chega co aval do seu triunfo fronte unha Hungría que xoga coa anfitrioa.
Unha vitoria levantaría a moral dunha selección escocesa moi tocada logo da derrota no partido inaugural. (Foto: Andrew Milligan / PA Wire / dpa).
photo_camera Unha vitoria levantaría a moral dunha selección escocesa moi tocada logo da derrota no partido inaugural. (Foto: Andrew Milligan / PA Wire / dpa).

Apenas cinco días despois de que Alemaña e Escocia (5-1) declarasen oficialmente inaugurada a Eurocopa esta entra hoxe na súa segunda quenda de partidos dentro da primeira fase. Deste modo, tanto a propia Escocia como Hungría -que tamén caeu derrotado na súa estrea, por 3 a 1 ante Suíza- están obrigadas a sumar canto menos un punto se non queren tornar nos primeiros conxuntos en dicir adeus ao torneo.

Os maxiares son os que, sobre o papel, o teñen máis complicado, por colidir (Stuttgart Arena, 18 horas) cun combinado teutón que asustou no seu debut. Con todo, a realidade é que os anfitrións non foron quen de superar os húngaros nos seus tres últimos enfrontamentos oficiais.

Máis esperanzas de éxito albergan no seo da Tartan Army, a buliciosa afección escocesa, que demostrou fóra do terreo de xogo durante a pasada sexta feira que está un chanzo por enriba dos seus representantes sobre o céspede. Por iso o técnico Steve Clarke, após recoñecer que se equivocou "en moitas cousas" contra Alemaña, conta con que no duelo con Suíza (Cologne Stadium, 21 horas) teñan "moito máis o balón" e sexan quen de "crear ocasións no outro extremo do campo".

Ademais, a xornada depara un terceiro encontro, neste caso correspondente ao Grupo 'B', entre Croacia e Albania (Volksparkstadion, 15 horas). Nunha situación análoga á de escoceses e húngaros logo de perder ante España e Italia, respectivamente, todo o que non sexa vencer os seus modestos veciños suporía unha hecatombe para a Croacia de Modric e compañía.   

O Celta comeza a Liga ante o Deportivo... Alavés

Fóra do fútbol de selección, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) levou a cabo esta terza feira o sorteo do calendario da tempada 2024/25 na Primeira División.

O único representante da Galiza na máxima categoría, o Real Club Celta, debutará na fin de semana do 18 de agosto como local ante o Deportivo Alavés, baixando o pano do campionato como visitante en Xetafe o 25 de maio. 

Máis en DEPORTES
Comentarios