Fútbol

Medina Cantalejo defende os árbitros e ataca o Celta: "Hai quen falla, como fallan dianteiros catro veces ante o porteiro"

O presidente dos árbitros está "contento" do seu labor a pesar das críticas celestes.
Nas últimas elección á presidencia da LFP, que tiveron lugar en 2019, Javier Tebas Medrano non tivo oposición. (Foto: RFEF).
photo_camera Nas últimas elección á presidencia da LFP, que tiveron lugar en 2019, Javier Tebas Medrano non tivo oposición. (Foto: RFEF).

O presidente do Comité Técnico de Árbitros (CTA), Luis Medina Cantalejo, compareceu esta cuarta feira na Cidade Deportiva da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) nas Rozas, Madrid, para "analizar o primeiro terzo da tempada arbitral", na que o colectivo que representa está sendo especialmente criticado polas súas malas actuacións.

Un dos equipos máis maltratados polos homes de negro está sendo o Real Club Celta de Vigo, que se sinte prexudicado en practicamente todos os partidos que disputou no que vai de campionato. Non obstante, Medina deféndese atacando a través das indirectas.

"Estamos contentos co rendemento dos nosos árbitros. Se Benítez [técnico celeste] ou algún outro din algo... pois haberá quen falle, igual que hai dianteiros que fallan catro ocasións de gol diante da portería [en clara referencia a Larsen] ou un mediocentro que se autoexpulsa no minuto 60 de partido [sinalando a acción da dobre amarilla de Tapia ante o Sevilla]. Se fósemos perfectos todo sería moi aburrido, nin sequera vós [sinalando aos xornalistas] o sodes", dixo.

O CTA, afirmou o ex colexiado, está "disposto a dar un paso adiante" e facer públicos os audios dos diálogos entre o árbitro de campo e a sala VAR, aínda que non en xogadas "intranscendentes", se ben insistiu en mostrarse "moi satisfeito" co nivel dos árbitros españois no primeiro terzo da tempada.

Medina Cantalejo destacou que neste primeiro terzo de curso "houbo dous penaltis menos que a tempada anterior", sempre por "decisións tomadas polos árbitros" e non polo VAR. "Por suposto, o criterio de que non se piten pequenos contactos nas áreas levouse a machada. Claro que hai erros, pero houbo un bo desempeño dentro das áreas", defendeu.

Comentarios