Mouriño fecha a porta ao Celta feminino

Confirma que ten un proxecto, pero "sen presa ningunha" en lanzalo
De todos os 20 equipos da Primeira División masculina, tan só Celta, Xetafe e Mallorca non contan cunha sección feminina.  (Foto: RC Celta).
photo_camera De todos os 20 equipos da Primeira División masculina, tan só Celta, Xetafe e Mallorca non contan cunha sección feminina. (Foto: RC Celta).

O presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, protagonizou na xornada desta segunda feira unha nova rolda de prensa na que analizou diferentes asuntos de relevancia sobre a actualidade celeste, catro días despois da incendiaria comparecencia pública na que cargou contra Denis Suárez e Santi Mina.

A afirmación máis salientábel do máximo mandatario do conxunto olívico foi a confirmación do segredo a voces de que haberá que seguir agardando polo demandado equipo feminino.

Nenas, afeccionadas e profesionais do calibre de Pauleta e Vero Boquete levan anos reclamando a creación dun Celta feminino, sendo a escusa até a creación da nova Cidade Deportiva de Mos a ausencia dos "campos" necesarios na Madroa e, agora, a necesidade de estabelecer un proxecto "con bases firmes" para que "non fracase".

"O fútbol feminino ten que ter 200 ou 300 nenas no Celta adestrando todos os días, exactamente igual que acontece no masculino, para poder facer grandes conxuntos", indicou un Carlos Mouriño para quen "darlle 50.000 euros e o nome do Celta a un equipo e dicir que con iso cumprimos" non lle daría "satisfacción".

Cuestionado sobre os prazos e os detalles do seu plan, o presidente non entrou no fondo da cuestión, mais precisou que se trata "dun proxecto a medio e longo prazo" e que non ten "presa ningunha".

Marchesín, preto de Vigo

O Celta confirmou esta pasada fin de semana -a falta do recoñecemento médico- a fichaxe do defensa central Óscar Mingueza, procedente do Fútbol Club Barcelona, quen non será a última das incorporación as filas celestes.

Carlos Mouriño tamén informou de que Agustín Marchesín  estaba fechado como novo xogador do Celta. O arxentino de 34 anos é o actual suplente do Porto, aínda que na escuadra galega ocuparía o rol de titular.

Máis lonxe parece o dianteiro do Barça Martin Braithwaite. O internacional danés non é a "primeira opción" de Mouriño para acompañar Aspas, o mesmo que un Joselu descartado pola súa idade. Como fixera na súa última intervención, Mouriño dixo que o número e calidade das chegadas dependerá dos hipotéticos adeus de Santi Mina e Denis Suárez.

Edu Sousa xa é branquiazul

Cambiando o Celta polo Deportivo, difícil misión a que ten por diante o gardameta tudense Edu Sousa, que non é outra que pelexar polo posto de porteiro titular do Deportivo cun dos mellores -senón o mellor- arqueiro da categoría, Ian Mackay.

Formado nas categorías inferiores do Areosa, o Celta e o Atlético de Madrid, Sousa regresa á que foi a súa casa entre 2007 e 2012, aínda que nunca chegou a ter unha oportunidade no primeiro equipo deportivista.

Agora, aos seus 31 anos, e moi curtido na categoría de bronce, onde leva xogando como titular de modo ininterrompido primeiro no Pontevedra (2015-20) e logo no Talavera (2020-22), afronta o desafío máis importante da súa carreira.

Durante o seu acto de presentación como xogador branquiazul, que tivo lugar na mañá de onte na Cidade Deportiva de Abegondo, onde estivo acompañado polo presidente do Dépor, Antonio Couceiro, Edu Sousa confirmou que non se resigna a ser o suplente de Mackay, con quen competirá "de maneira sa" pola titularidade. "Temos unha relación de respecto e admiración mutua que será boa para o club", engadiu.

Miguel Loureiro e Mehdi El Hacen reforzan o Lugo

O Club Deportivo Lugo continúa co seu particular 'Plan Renove' e suma dous novos movementos nun mercado de fichaxes no que xa acumula 12 baixas e oito altas. As dúas últimas novidades neste último apartado son as incorporacións de Miguel Loureiro e Mehdi El Hacen

O primeiro é un lateral dereito de Cerceda que a pesar da súa xuventude (25 anos) conta con máis de 150 partidos oficiais ás súas costas entre a Segunda División e a Primeira Federación/Segunda B en equipos como Pontevedra, Córdoba, Andorra e Rácing de Ferrol, onde rematou contrato o pasado 30 de xuño.

Neste último conxunto foi un dos activos máis importantes do bloque que pelexou sen éxito polo ascenso á categoría de prata a campaña pasada, disputando 35 partidos, todos eles como titular.

Pola súa parte, o mediocampista Mehdi El Hacen é un vello coñecido da parroquia lucense, pois xa defendeu as cores albivermellas en calidade de cedido entre xaneiro de 2020 e xuño de 2021.

A pesar do bo recordo que deixou, o seu rendemento é unha incógnita, pois non compite desde que en xuño de 2021 sufriu a rotura do ligamento cruzado anterior nun partido coa súa selección, Mauritania. Esta é a razón pola que aínda non é oficial a incorporación de El Hacen  -sen equipo desde xaneiro- ao Lugo, aínda que xa forme parte da dinámica dos adestramentos.

Comentarios