Narón recibe a única proba galega do Estatal de Asfalto

O rally terá lugar o próximo sábado, 25 de maio.
A presentación desenvolveuse onte na Praza da Galiza de Narón. (Foto: Concello de Narón).
photo_camera A presentación desenvolveuse onte na Praza da Galiza de Narón. (Foto: Concello de Narón).

A trixésimo sexta edición do Rally Cidade de Narón disputarase este sábado, 25 de abril, nesa localidade de Ferrolterra. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta segunda feira o evento xunto co edil de Deportes, Ibán Santalla; o presidente da Escudería Siroco Narón, Antonio Sueiras; o presidente da Federación Galega de Automobilismo (FGA), Antonio Troitiño; e o vicepresidente da Real Federación Española de Automobilismo (RFEA), José Vicente Medina, entre outros cargos.

Na Praza da Galiza, onde tivo lugar o acto, estiveron tamén os pilotos Iván Rivera e Jorge Paz, cos seus Peugeot 206 XS; José María Blanco, co BMW 325 e Fernando Rico co seu BMW M3 en representación dos 58 vehículos que estarán na grella de saída na única proba que se disputará na Galiza dentro do circuíto do Campionato de España de Rallys de Asfalto (CERA).

Unha das novidades deste ano será o percorrido que na xornada previa ao rally terá lugar ao longo dunha estrada de Castela que permanecerá fechada ao tráfico rodado entre as 20.30  e as 21.30 horas. Alí, as e os pilotos participantes sairán en caravana desde as inmediacións do Centro Comercial Odeón até Xuvia, realizando unha parada na rotonda de Freixeiro para inmortalizar nunha fotografía todos os e as participantes nesta edición de 2024. 

Xa o propio día da carreira os motores das primeiras participantes arrancarán tan cedo como ás 7.30 horas no parque de asistencias, situado na rúa Panadeiros, no polígono industrial de Río do Pozo, e ás 20.30 rematará un certame que baixará o pano coa tradicional cerimonia de entrega de trofeos.

Con respecto á súa estrutura, o Rally Cidade de Narón estenderase ao longo dun total de 400 quilómetros, dos que 111 son cronometrados e que discorrerán polos concellos de Narón, San Sadurniño, As Somozas, Moeche e Cerdido.

Ramón Padín, xefe de seguridade da cita naronesa, explicou que esta ten lugar nunha soa xornada "por normativa", o que levará a que se concentren no sábado os cinco tramos totais (As Barbelas, A Queira, As Enchousas, San Pedro e Pedroso). "As Somozas é, en canto a eses tramos, o centro neurálxico do rally, pois alí realizaranse tres dos cinco", apostilou, engadindo despois que está moi "satisfeito" coa presenza de pilotos como Enrique Cruz ou Carlos moreno.

Comentarios