O Noia Portus Apostoli depende de si mesmo para certificar a salvación

O pano, próximo a caer na máxima categoría do fútbol sala estatal.
A festa chama ás porta do Noia Portus Apostoli. (Foto: NPA).
photo_camera A festa chama ás porta do Noia Portus Apostoli. (Foto: NPA).

O único representante da Galiza na elite do fútbol sala masculino estatal, o Noia Portus Apostoli, despídese como local da afección do Pavillón Agustín Mourís cun choque ante o Betis que pode resultar determinante para non chegar á derradeira xornada cos deberes da permanencia aínda por facer.

Para iso, a escuadra galega deberá pasar por enriba dun rival directo no duelo a vida ou morte que a Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) programou ás 19 horas do sábado.

As contas son ben sinxelas: de conseguir gañar, o Noia sería equipo da Primeira División durante un ano máis. Con todo, incluso nun escenario no que o electrónico do coliseo noiés exhiba un resultado desfavorábel aos intereses brancos poderían salvarse matematicamente, para o cal sería necesario que o Ribera Navarra -que conta con tres puntos menos na táboa- non vencese o Xaén.

Duro duelo para o Poio

Non menos tensión que en Noia haberá en Poio, onde a formación pontevedresa defende o seu posto de play-off fronte o terceiro clasificado, Melilla Torreblanca (sábado, 18.30 horas).

Tamén da máxima relevancia son o Viaxes Amarelle-Futsal Alcantarilla (sábado, 18 horas) e o Raio Maxadahonda-Marín Futsal (sábado, 20 horas), no que o conxunto herculino precisa obter un bo resultado se non quere correr o risco de que un triunfo marinense anule a exigua diferenza de tres puntos que separa ambas as entidades, condenadas a ocupar un dos dous postos de descenso.

Ademais, o FSF O Castro Bloques Cando, comodamente instalado na zona morna da táboa, visita o Móstoles ás 18.30 do día do sábado, e o Burela -que aínda non sabe o que é a derrota- fai o propio na pista da Associació Esportiva Les Corts de Barcelona (sábado, 16 horas). 

Comentarios