Fútbol sala

A PREVIA | Pescados Rubén Burela e Poio Pescamar pugnan por un posto na finalísima ligueira

Terceiro e decisivo partido do 'play-off' polo título estatal de fútbol sala feminino.
O triunfo do Poio por 3-0 no segundo encontro subio as táboas á eliminatoria logo do 4-0 do Burela. (Foto: RFEF).
photo_camera O triunfo do Poio por 3-0 no segundo encontro subio as táboas á eliminatoria logo do 4-0 do Burela. (Foto: RFEF).

O Pavillón de Vista Alegre de Burela (A Mariña) será o escenario, a partir das 20 horas desta terza feira, do terceiro e decisivo partido do derbi galego entre o local Pescados Rubén e o Poio Pescamar no marco das semifinais do play-off polo título da Primeira División Feminina de Fútbol Sala.

Despois do contundente 4 a 0 co que as laranxas -vixentes campioas e gañadoras de tres das últimas catro edicións do torneo- fecharon o primeiro encontro da eliminatoria, todo facía pensar que certificarían o pase á súa sexta final consecutiva a costa da formación conserveira, pero esta, guiada polo apoio do seu público, sorprendeu á favorita cun 3-0 esta pasada fin de semana no Polideportivo da Seca.

Agora, e co factor campo a prol do Pescados Rubén Burela, unha das dúas escuadras da Galiza avanzará até unha finalísima na que o seu rival sairá doutro compromiso que chegou ao terceiro xogo, Atlético Navalcarnero-Melilla, logo de dous partidos tan igualados como intensos que remataron 2-3 a prol das africanas, primeiro, e 3-4 para as madrileñas, despois. 

Nova plataforma de TV

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) oficializou esta segunda feira o lanzamento dunha plataforma dixital que retransmitirá partidos tanto de fútbol 11 como de fútbol sala na Galiza a través de aplicacións en dispositivos móbiles, Smart TV, Android TV e navegadores, contorna esta última na que tamén estará dispoñíbel para a persoa usuaria "un servizo multicámara e unha vista táctica para adestradoras".

Os campionatos seleccionados para a súa emisión por parte da RFGF foron a Preferente Galiza masculina de fútbol 11, a Primeira División Galega feminina e as Preferentes de fútbol sala masculina e feminina.

Segundo explicaron, o proxecto abranguerá, nunha primeira fase, 51 campos de fútbol e 53 pavillóns nos que 123 clubs de fútbol e fútbol sala emitirán máis de 1.250 partidos ao ano, tanto no deporte masculino como feminino.

Con respecto á produción, esta será híbrida, é dicir, automática ou manual asistida por intelixencia artificial. Para iso, instalaranse en cada campo liñas de comunicación 5G e tres cámaras e sensores.

Comentarios