Pontevedra fará unha festa 200 días antesantes da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón

O Concello de Pontevedra lembrará os 200 dias previos á cita deportiva cunha gran festa na que participarán deportistas de elite e as Tanxugueiars darán un concerto.
O alcalde, durante a presentación do izado da bandeira oficial (Foto: Nós Diario).
photo_camera O alcalde, durante a presentación do izado da bandeira oficial (Foto: Nós Diario).

O Concello de Pontevedra ten prevista unha xornada deportiva e musical para o vindeiro 3 de marzo, cando só restarán 200 días para que a cidade acolla a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón.

A iniciativa presentouna esta sexta feira o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que quixo lembrar a importancia do evento que moverá milleiros de persoas até a cidade.

Así, nunha semana, izarase a bandeira da Gran Final das Series Mundiais e instalarase un contador na páxina web do Concello que irá descontando os días que quedan até a proba de setembro.

“Vai ser un evento deportivo internacional, o máis importante que tivemos nunca e, desde logo, o máis importante da Galiza no ano 2023 e podería ser tamén do Estado” explicou o rexedor, “e queremos visibilizar este evento desde xa porque precisamos da máxima implicación da cidadanía”, engadiu. 

O acontecemento anunciado estará dirixido polo xornalista  Rodrigo Vázquez e consistirá na presentación oficial do evento para a cidade cunha perfomance preparada para a ocasión por Pablo Méndez. 

Ademais, contará coa presenza deportistas como Susana Rodríguez Gacio, actual campioa do mundo de paratriatlón, Natalia Castro Santos, Pablo Dapena ou Mónica Flores Ferreiro. 

Concerto de Tanxugueiras

Após o acto institucional, o Concello ten preparado un “agasallo para todos os pontevedreses e pontevedresas”, que consistirá nun concerto gratuíto das Tanxugueiras na praza do Concello ás 20 horas. “Queremos trasladarlle a todo o mundo a importancia que terá este evento.

Significará a promoción do deporte a todos os niveis, que terá un retorno económico inmediato e que contará cunha participación de máis de 4.000 deportistas pero que poderían ser un total de 15.000 persoas se contamos a equipos de traballo, familiares e espectadores”, sinalou Fernández Lores.

Ademais, valorou a transcendencia de que "será retransmitido a todo o mundo e poderán seguilo en máis de 150 países".

Comentarios