O Pontevedra pugnará para volver á Primeira Federación co filial do Betis

A ida terá lugar en Andalucía e a volta na Galiza.
A afección anhela celebrar un ascenso (Foto: Pontevedra CF).
photo_camera A afección anhela celebrar un ascenso (Foto: Pontevedra CF).

A sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) na localidade madrileña das Rozas acolleu durante esta segunda feira o sorteo dos play-off de ascenso á Primeira Federación, a terceira categoría do fútbol masculino estatal.

As mans inocentes de Massimo Benatti (director xeral do Real Club Deportivo da Coruña), Alberto González (conselleiro do Club Deportivo Castellón), Álex Huerta (director deportivo do Club Deportivo Numancia) e Miki Muñoz (xogador da UD Sanse) foron as encargadas de ir sacando, unha a unha, as bolas dos 10 equipos representados.

Así, o único galego, o Pontevedra Club de Fútbol, colidirá co Real Betis Balompié B nunha eliminatoria programada a dobre partido. O primeiro, en Sevilla, será esta mesma fin de semana nun día e data aínda por confirmar, mentres que a volta será na cidade do Lérez o 1 ou o 2 de xuño co horario tamén por determinar.

Isto significa que o Pontevedra, segundo clasificado no Grupo '2' da Segunda Federación, está obrigado a superar un último obstáculo de cara a recuperar unha categoría que perdeu hai xusto un ano, en 2023. Con todo, e pese a que o favoritismo recae sobre o conxunto da Boa Vila, pois o filial heliopolitano non puido pasar da quinta praza no Grupo '4', os rapaces dirixidos por un ex capitán bético, Arzu, foron o mellor filial de toda a Segunda Federación.

A RFEF estabelece data para o Dépor-Castellón

Os dous mellores desa Primeira Federación á que aspira a regresar o Pontevedra foron Dépor e Castellón, que pugnarán polo título da categoría -e, como premio engadido, por evitar xogar a primeira rolda da Copa do Rei- en dous encontros que conforman a coñecida como 'Final de Campións' e que a RFEF fixou onte o 29 de maio e o 2 de xuño.

Comentarios