Galiza-Panamá

A PREVIA | A Galiza futbolística volve unirse arredor da selección galega no seu regreso

Custou máis de oito anos, pero, por fin, a selección galega de fútbol -exclusivamente a masculina, iso si- porá fin ás 20 horas de hoxe á súa longa ausencia dos terreos de xogo nun choque que a enfrontará con Panamá no Estadio Municipal de Balaídos, nun Vigo que forma parte fundamental da historia da Irmandiña.
 
Iago Aspas e Álex López, ex compañeiros no Celta, son os membros máis veteranos da listaxe confeccionada polo seleccionador Diego Martínez. (Foto: Futgal).
photo_camera Iago Aspas e Álex López, ex compañeiros no Celta, son os membros máis veteranos da listaxe confeccionada polo seleccionador Diego Martínez. (Foto: Futgal).

Porque corrían as 15.10 do 19 de novembro de 1922 cando Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Hermida, Balbino, Moncho Gil, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla, xa formados coa clásica táctica 2-3-5 que se empregaba na época sobre a terra do campo de Coia, escoitaron o chifre do colexiado luso Ivo Lemos, quen ataviado cunha estrafalaria camiseta de cor mostaza e cun pano colgando da cintura, a modo de mantelo, decretou o comezo do primeiro partido da selección galega de fútbol

Agora, os Iago Aspas, Lucas Pérez e compañía collen a remuda daqueles pioneiros, pero o máis dun século que os separa non mudou en absoluto o obxectivo común que procuran todos os futbolistas onte, hoxe e sempre: a vitoria.

Fronte o combinado do centro do Estado co que mediu forzas naquel encontro inaugural conseguiuno, vencendo por 4-1, tantos de Chiarroni, Polo, Pinilla e Ramón González por parte galega, que puideron ser cinco se Balbino non estrelase contra a madeira unha pena máxima.

Para conseguir emular os seus predecesores, o actual seleccionador nacional, un Diego Martínez que debutará hoxe no cargo, confeccionou unha listaxe de 23 homes que, a pesar das ausencias por distintas causas de pezas do nivel de Gabri Veiga, Angeliño, Brais Méndez, Lucas Vázquez, Joselu, Borja Iglesias, Rubén Blanco, Denís Suárez ou os irmáns Alcántara, permitiralle configurar un fermoso puzzle en forma de 4-2-3-1, a táctica máis empregada polo vigués en clubs como Granada, Espanyol ou o Olympiakos grego.

Sobre os nomes propios que poderían escoitar o himno galego -ao completo- que interpretarán as Tanxugueiras antes do inicio do duelo contra Panamá, resulta inevitábel caer no terreo da especulación, dadas as poucas pistas ofrecidas por Martínez tanto no adestramento que dirixiu onte como na rolda de prensa previa ao partido. Con todo, un posíbel once podería ser o integrado por Iván Villar en portería; Kevin Vázquez, Carlos Domínguez, Hugo Bueno e Jonny Otto na defensa; Diego Villares e Hugo Sotelo no dobre pivote; unha liña de tres mediapuntas con Iker Losada nos carrís esquerdo e dereito, respectivamente, e un Lucas Pérez con liberdade total na posición de '10' e a única obriga de asociarse do mellor modo posíbel co '9', o ídolo local, o Zar das Bateas, Iago Aspas Juncal.

"Labor de representación do pobo galego" 

Precisamente o atacante celeste foi, xunto con Álex López na súa condición de membros máis veteranos do grupo aos seus 36 anos, e o técnico  Diego Martínez, quen tomou a quenda de palabra para atender as preguntas dos medios de comunicación. Aspas recorreu ao tópico, falando da "gran festa do fútbol galego", mentres que o centrocampista do Rácing salientou o "labor de representación do pobo galego" que fai a Irmandiña.  

As peñas e Vía Galega unen as súas forzas    

O Galiza-Panamá de hoxe é un evento que transcende os límites do eido estritamente deportivo até tornar en escenario de reivindicación dos dereitos nacionais da Galiza. Por iso, máis de 55 peñas e colectivos de seareiros e seareiras de equipos de todo o país -agrupados en Bancadas pola Oficialidade-, xunto coa plataforma social Vía Galega, convocaron unha marcha que a partir das 18.30 partirá de Praza América con destino Balaídos co obxectivo de reivindicar o dereito a competir de forma oficial e internacional das seleccións galegas.

Comentarios