San Sadurniño queda sen Superliga 1

O Club Deportivo Aldebarán San Sadurniño, que o pasado mes de abril lograba sobre a pista o ascenso á máxima categoría do vólei masculino estatal dous anos despois da súa última presenza na elite, non xogará a próxima tempada na Superliga 1.
O equipo coa copa como segundos clasificados (Foto: Nós Diario).
photo_camera O equipo coa copa como segundos clasificados (Foto: Nós Diario).

O Club Deportivo Aldebarán San Sadurniño, que o pasado mes de abril lograba sobre a pista o ascenso á máxima categoría do vólei masculino estatal dous anos despois da súa última presenza na elite, non xogará a próxima tempada na Superliga 1.

Advertiámolo xa no seu momento nestes Deportes de Nós Diario, logo dunha conversa co presidente do conxunto da comarca de Ferrolterra, Uxío García, na que denunciaba que, economicamente, o voleibol sofre un agravio económico en relación ás axudas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta da Galiza -"os equipos de fútbol nas últimas categorías reciben o dobre de axudas", afirmou- que podía prexudicar as súas opcións de ascenso, algo ao que renuncia agora en favor do Palma e a cambio dunha compensación monetaria.

Partindo da base

O Aldebarán naceu pola necesidade de dar continuidade ao voleibol nos anos 80 no municipio de San Sadurniño, un dos deportes máis practicados daquela. O ex xogador e presidente do club desde 2020, Uxío García, relata a Nós Diario que a entrada deste deporte no municipio “ten nome e apelidos”. Foi coa chegada a finais dos anos 70 do mestre Manuel Seco que se introduciron varios deportes. “Meteu o vólei, un deporte que practicara mentres estudaba maxisterio en Lugo, e tamén o atletismo”, lembra García, “era unha persoa excepcional para captar deportistas”, engade. Na tempada 1991-1992, tras xogar un campionato galego infantil, un grupo de docentes, xunto a nais e pais, decidiu darlle continuidade co apoio dunha entidade deportiva. “O colexio destacara e mesmo puxera en problemas o Club Vigo, o que conseguira máis éxitos neses anos”, apunta o presidente. 

Polo equipo pasaron moitos adestradores, mesmo de países como Rusia ou Ucraína, que asentaron o traballo de base. A xeración de Uxío García, que agora conta con 35 anos, foi a máis prolífica en títulos, unha realidade que partiu desde a canteira. “Gañamos case todos os campionatos galegos, de alevíns até xuvenís, e chegamos a Sénior en 2010 para gañar a Primeira Autonómica (cuarta a nivel estatal) e dous anos despois, na fase final en San Sadurniño, gañamos o título de Primeira División”, recorda García. Co ascenso no peto chegaron á Superliga 2 na que estiveron varios anos. Nesa categoría xa se decataron dos problemas que existían para equipos humildes como o Aldebarán e, aínda así, gañaron o título nas tempadas 2017-2018 e 2020-2021.

O presidente do club explica que o peor eran os desprazamentos, como os que realizaron a Cáceres (Estremadura), Castelló (País Valencià) ou Melilla, que tiñan que realizar en coche e sen contar con hoteis. Esa circunstancia non a tiveron cando acolleron na casa a Copa do Príncipe en 2016 que acabou nas vitrinas do club e con Anxo García como balón de ouro. “Foi un momento que marcou e rematou por ser o que somos, un equipo que gañou dúas copas Príncipe, dúas ligas e un subcampionato ”, indica García. 

Comentarios