A Travesía a Nado Costa Serena volve o 7 de xullo

Este ano o percorrido máis duro será de 4.000 metros. 
As crianzas fecharán a proba. (Foto: Concello de Nigrán).
photo_camera As crianzas fecharán a proba. (Foto: Concello de Nigrán).

A Travesía a Nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán xa ten aberto o prazo de inscricións para a súa décimo cuarta edición, que terá lugar o domingo, día 7 de xullo, en Praia América.

Segundo confirmou a organización, o seu obxectivo para este 2024 e contar con máis de 500 participantes, entre crianzas e persoas adultas, nos cinco percorridos que deseñaron para a ocasión.

Ademais, tamén destaca que a proba terá carácter solidario, pois colaborará coa Federación Alcer (Asociacións para a Loita Contra as Enfermidades do Ril) da Galiza para recadar fondos para programas de atención a menores e de atención psicolóxica e nutricional.

Con respecto aos percorridos, a Travesía contará cun de 4.000, outro de 2.700 e outro de 800 metros, sendo o emprego do traxe de neopreno completamente opcional. 

O máis duro deles consistirá nun triángulo con inicio na canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada enfronte do posto de Protección Civil de Panxón.

A maiores, levaranse a cabo dous percorridos extra de curta distancia e carácter non competitivo para nenos e nenas de entre 5 e 13 anos. Así, haberá unha distancia de 50 metros (para 5 e 8 anos) e outra de 150 metros (9 e 13 anos).  

Comentarios