Atletismo

Xácome presenta a súa candidatura ao podio olímpico no Europeo

A padexeira logrou un ouro e un bronce en Hungría.
A padexeira pontevedresa Antía Jácome, festexando. (Foto: RFEP).
photo_camera A padexeira pontevedresa Antía Jácome, festexando. (Foto: RFEP).

O piragüismo galego xa mira con ollos lapáns o que pode acontecer nos inminentes Xogos Olímpicos de París 2024, logo dos grandes resultados obtivos polos padexeiros e padexeiras do país no Campionato de Europa da modalidade de Esprinte que vén de baixar o pano na localidade húngara de Szeged.

Alí, confirmando os prognósticos iniciais, a gran estrela foi a pontevedresa Antía Xácome, que logrou dous metais. O primeiro foi o ouro na proba do C2 200 metros, xunto coa súa compañeira María Corbera. Nunha moi boa carreira, completaron o percorrido en 44,976 segundos, traspasando a liña de meta por diante das polacas Sylwia Szczerbinska e Dorota Borowska e das locais Agnes Kiss y Bianka Nagy.

A segunda medalla para Xácome chegou no C1 200, unha prata na que a única mellor que ela foi a polaca Borowska, que obtivo o desquite da súa derrota por parellas. Esta vez, a galega completou os 200 metros en 47.262, moi cerquiña dos 46.322 que tardou a súa competidora.

Mais Antía non foi a única que subiu ao máis alto do podio, pois Araceli Menduíña proclamouse campioa na categoría de paracanoe, concretamente na modalidade K1 200 KL3. A veterana canguesa foi de menos a máis na finalísima, recuperándose dun inicio dubitativo e alzándose co triunfo grazas a un esprinte final que, aos seus 54 anos, permitiulle superar a francesa Nelia Barbosa por apenas 266 milésimas.

A maiores, os tudenses Roi Rodríguez e Pedro Vázquez conquistaron o bronce con Àlex Graneri e Íñigo Peña no K4 1.000 metros; Manuel Fontán e Adrián Sieiro tamén foron terceiros no C2 200 metros; e Pablo Graña completou o palmarés da Galiza no certame continental cunha prata no C1 200 metros, sendo superado tan só por Oleksii Koliadych (Polonia). 

Comentarios