GALIZA-PANAMÁ

O XI da Irmandiña: descobre os xogadores escollidos polas lectoras de 'Nós Diario'

A Irmandiña conformada polos lectoras e lectoras de Nós Diario é un equipo en plena madurez, con 27 anos de idade e un valor total de mercado, segundo Transfermarkt, de 108,2 millóns de euros, cifra comparábel comparábel á de cadros de xogadores enteiros da Primeira División, caso do Celta (112,35 millóns).

O once escollido en 'nosdiario.gal' inclúe catro titulares (Jonny, Aspas, Angeliño e Lucas) no último choque da Irmandiña, en 2016. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O once escollido en 'nosdiario.gal' inclúe catro titulares (Jonny, Aspas, Angeliño e Lucas) no último choque da Irmandiña, en 2016. (Foto: Nós Diario).

Sergio Álvarez; Jonny Otto, Hugo Mallo, Álex Bergantiños, Angeliño; Fran Rico, Pedro Mosquera, Denís Suárez; Jota Peleteiro, Lucas Pérez e Iago Aspas. Con este equipo saltaba a selección galega ao céspede de Riazor o 20 de maio de 2016 para disputar o seu último partido até a próxima sexta feira, cando regresará logo de oito anos de ausencia para medirse en Balaídos (20 horas) con Panamá.

Diego Martínez, o home que de cara a esta cita colleu a remuda dos anteriores seleccionadores, Fran e Míchel Salgado, revelará esta terza feira os nomes dos integrantes da súa convocatoria, mais ao longo dos últimos días os e as lectoras de Nós Diario tiveron a oportunidade de participar nunha serie de enquisas publicadas no dixital para escoller cal é o once polo que debería optar o preparador vigués, sempre baixo un esquema 1-3-4-3.

 

Na portería o elixido foi Rubén Blanco. O feito de non contar con demasiadas oportunidades de xogar esta tempada -unicamente participou en cinco encontros- no Olympique de Marsella non impediu que o que fora meta do Celta até 2022 recibise case a metade dos votos emitidos (47,46%).

Tamén houbo bastante consenso na defensa. Nunha liña de tres, o futbolista da Roma italiana José Ángel Esmorís Tasende, 'Angeliño', é o indiscutíbel propietario do carril esquerdo (27,09%); Jonny Otto, flamante campión da liga grega co PAOK de Salónica, encárgase do perfil dereito (13,71%); e o celtista Carlos Domínguez (22,15%), que vén de completar a súa primeira campaña co primeiro equipo celeste, é o responsábel de manter o equilibrio no centro da zaga.  

Máis discrepancias tiveron as lectoras de Nós Diario na que pode ser a liña máis potente da Irmandiña, o medio do campo. Os  máis votados como parella de mediocentros foron Gabri Veiga (20,35%) e Nico González (11,28%), actual futbolista do Porto e fillo dunha lenda do fútbol do país, Fran, pero a piques estivo de ser superado por Santi Comesaña (9,65%). As bandas, pola súa parte, son cousa do centrocampista máis votado, o txuri-urdin Brais Méndez (24,30%), e de Hugo Álvarez (13,60%), unha das sensacións deste tramo final de Liga.

Fóra do equipo ficaron, ademais do antedito Santi Comesaña, talentos do nivel do deportivista Diego Villares (7,33%), Rafinha Alcántara (7,09%) ou Stefan Bajčetić (0,93%).

Por último, o tridente ofensivo non achegou sorpresas. Borja Iglesias, con 21,22% dos votos, fica co posto de '9', acompañado polas dúas maiores lendas do Celta e do Deportivo na última década, Iago Aspas (30,98%) e Lucas Pérez (21,78%).

'Fan Zone' e actividades paralelas arredor do xogo

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) presentou esta segunda feira o programa de actividades paralelas que terán lugar co gallo do partido da Irmandiña. O ente confirmou que os arredores do coliseo olívico acollerán unha Fan Zone desde as 18 horas na que haberá música ao vivo, inchábeis para as crianzas e unha mostra fotográfica arredor do último choque da selección.

Ademais, o día do duelo ante Panamá, pero ás 12.30 no Campo de Coia, actores, actrices e figuras recoñecidas do audiovisual galego como Boyanka Kostova, Nacho Carretero ou Morris porán a proba as súas habilidades coa pelota.    

Comentarios