A normalidade na volta á actividade da fábrica de Stellantis en Vigo durou só un día, xa que a falta de aprovisionamentos obrigou a suspender parte da produción só 24 horas despois da volta de vacacións.
Segundo informaron fontes da empresa ao persoal, "unha dificultade sobrevinda en aprovisionamento de pezas e no inicio de actividade dalgún dos provedores tras o período de vacacións" obrigou a parar a produción no sistema 2 (o que monta as furgonetas).
Cancélase a actividade
Deste modo, cancélase a actividade na quenda de tarde desta terza feira nesa liña, así como na quenda de noite, e tamén na quenda de mañá desta cuarta feira.
"A pesar de manter o fluxo tenso, está previsto reiniciar a actividade (para esta quenda) a partir das 14 horas desta cuarta feira", confirmaron.
Non é a primeira vez este ano que a empresa se ve na obriga de cancelar a súa actividade. No pasado mes de xuño tiveran que parar a produción de maneira temporal por mor de falta de compoñentes.