Esta segunda feira estaba previsto o feche da hostalaría galega como sinal de protesta pola difícil situación que atravesan, non xa agora, cos altos prezos da luz, os carburantes e a escaseza de produtos pola guerra en Ucraína, senón tamén desde o inicio da pandemia. Finalmente, moitas das asociacións do sector decidiron adiar esta medida á espera de coñecer as propostas do Goberno español para facer fronte á suba de prezos.
Tan só unha delas, Hostalaría.gal, anunciou que manterá o feche o vindeiro 28 de marzo, como estaba previsto, xa que, insisten, a situación do sector "é de extrema gravidade".
Nunha rolda de prensa en Compostela, o seu presidente, Lois Lopes, explicou que moitos negocios pasaron dunha falta de liquidez a unha falta de solvencia, "o paso anterior á quebra definitiva" como consecuencia do incremento "desproporcionado e inxustificado" dos prezos da enerxía.
Neste senso, Lopes precisou que algunhas materias primas, como o aceite de xirasol, incrementaron o seu prezo por riba de 30%, un aumento que, polo momento, non están a trasladar ás persoas consumidoras.
Con todo, aínda sen repercutir a alza de custos, o presidente de Hostalaría.gal recoñece unha caída "considerábel" no consumo pola perda de poder adquisitivo das familias, o que debuxa un futuro "bastante incerto e pouco prometedor".
Pendentes do que decida o Goberno español
Lopes indica que o seu rexeitamento á ausencia de medidas por parte das administracións é o que lles leva a amosar a súa desconformidade en forma de feche. "O vindeiro luns, día 28 de marzo, a hostalaría galega permanecerá pechada", sentenciou o directivo da plataforma.
Aínda que Hostalaria.gal é a única que o apoia de forma global, outras 21 asociacións locais de distintos puntos do país, como a Asociación de Hostaleiros e Autónomos de Ferrolterra, Hoempo, Ahituvi, Ahrou, a Asociación de Hostalaría de Padrón, a Asociación de Empresarios Lugo Monumental ou Noia en Marcha, entre outros, secundarán o feche do 28.
Porén, non o farán as federacións provinciais, Hostalaría Compostela e Hostalaría de Galicia, que anunciaron, tamén en rolda de prensa, que aprazan o paro até coñecer as medidas que o Goberno español tome a próxima semana en materia de enerxía e combustíbeis.
Con iso dáse o paradoxo de que, en cidades como Santiago, hostalaría.gal convoca o paro, mentres que Hostalería Compostela oponse; ou Pontevedra, onde a provincial mantivo a negativa ao feche mentres Hoempo vaino levar adiante.
"Desde Hostalería de Galicia non convocamos un paro para o luns, que si estaba na nosa mente para deixar patentes as dificultades polas que estamos a atravesar", explicaba o seu presidente e representante da Federación de Lugo, Cheché Real.
Na Coruña, a hostalería vai adiar o paro para despois do 31 de marzo, dixo Héctor Cañete, o seu presidente, que tamén advertiu que "de non cambiar as cousas", chamará ao feche na seguinte segunda feira, 4 de abril, e "todos os luns" até que atendan as súas queixas.