O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar a suspensión cautelar dos servizos mínimos acordados no que atinxe ás universidades e transportes escolares. O auto da sala do Contencioso-Administrativo, recolle esa resolución a instancias da CIG aos entender “desproporcionados e carentes de motivación”.
Asemade o tribunal pon en cuestión o feito de que o Goberno galego demorase até 48h antes do inicio da folga a publicación dos servizos mínimos no DOG. Tal feito “dificulta a tutela xudicial do dereito fundamental á folga” resolve o TSXG.
Os sectores afectados polo auto son as universidades públicas, suprimindo a posibilidade de que se realizasen exames e limitando os mesmo onde xa estiveran previstos, e non estendéndoo ao conxunto de facultades e escolas. Suspende tamén os mínimos ditados para o transporte escolar e de traballadoras e traballadores, ao entender “desmedido” o que supón “unha clara conculcación do dereito constitucional á folga”, ao establecer mínimos do cen por cen nas horas de entrada e saída das empresas e centros de ensino.
O auto contemplaba a posibilidade de presentar alegacións até as 22h de hoxe. De non terse presentado os sectores referidos funcionará sen servizos mínimos.