Ruto suspende a suba de impostos en Kenya despois de que a represión das protestas deixara 22 mortes

A débeda está detrás da proposta gobernamental.
William Ruto, líder de Kenya. (Foto: Tsgt. Jack Sanders / Dod / Europa Press / Contacto)
photo_camera William Ruto, líder de Kenya. (Foto: Tsgt. Jack Sanders / Dod / Europa Press / Contacto)

“O pobo falou”, polo que “non asinarei” os orzamentos de 2024, un proxecto que “será retirado”, anunciou a cuarta feira o presidente de Kenya, William Ruto, nunha tentativa de frear as protestas masivas que comezaron a semana pasada contra a norma, que implicaba unha suba de impostos para recadar 2.500 millóns de euros máis e que xa fora aprobada polo lexislativo.

Ao tempo, salientou que porá en marcha “medidas inmediatas de austeridade” como a redución de gastos nas institucións do país, entre elas a Presidencia.

As mobilizacións contra os orzamentos deixaron como mínimo 22 mortes a terza feira, sinalou a Comisión de Dereitos Humanos do país africano, nunha xornada na que as persoas manifestantes irromperon no Parlamento entre unha forte represión policial.

Nunca vira “tal nivel de violencia contra persoas desarmadas”, sostivo Simon Kigondu, presidente da Asociación Médica kenyana.

Apenas 24 horas antes, o mandatario acusara as persoas que participaron nas protestas de “traizón” e ordenou a despregadura do Exército pola “emerxencia de seguridade”. A despregadura, que foi aprobada a cuarte feira polo lexislativo, foi suspendida horas despois polo Tribunal Superior.

Mentres que desde as mobilizacións se cuestionaban os efectos negativos para a poboación dunha suba de impostos e taxas que afectarían desde ás importacións de ovos até ás transferencias bancarias pasando polo pan, alertando de que incrementaría a pobreza, o Executivo asegurou que o aumento respondía a un intento de pagar a débeda do Estado, cuxos xuros absorben 37% dos ingresos públicos anuais.

O Fondo Monetario Internacional (FMI) subliñou que a débeda consumiría este ano case 55% dos ingresos, todo isto cunha débeda pública que se estima en arredor de 70% do produto interior bruto (PIB), unha cifra moi por baixo da de Estados como o español, cunha débeda que supera 100% do PIB.

Esta situación pon de manifesto as diverxencias entre as condicións para acceder a financiamento que se impoñen a uns ou outros países. De feito, case a metade da humanidade vive en Estados que gastan máis en pagar os xuros da débeda que en ensino ou sanidade, remarca a sección de Comercio e Desenvolvemento da Organización das Nacións Unidas (ONU), que reclama “reformas urxentes da arquitectura global da débeda para evitar unha crise xeneralizada de débeda nos países en desenvolvemento”.

Comentarios