Entrevista

Míriam Louzao, concelleira en Compostela: "Xeración Alfa ofrece á mocidade referentes propios e en galego"

Coincidindo coa festa das Letras, o Concello de Compostela deu a coñecer unha declaración aprobada no Pleno municipal por unanimidade na que reedita o seu compromiso co galego. Durante o mesa de maio, a lingua gañou presenza e calidade na cidade a través das achegas da revista xuvenil 'Xeración Alfa', dirixida á mocidade.
Míriam Louzao xestiona as áreas de Educación, Turismo, Memoria Histórica e Capital Cultural en Compostela. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Míriam Louzao xestiona as áreas de Educación, Turismo, Memoria Histórica e Capital Cultural en Compostela. (Foto: Nós Diario).

—Compostela asinou en 1984 unha declaración a prol do uso do galego no ámbito da administración municipal e de relación entre a veciñanza. Após 40 anos, que presenza ten o galego na cidade?
A última análise da Real Academia Galega afirmaba que Santiago é a cidade, xunto con Lugo, que máis se relaciona co galego e recollía diferentes datos que nos colocan relativamente mellor ca outros contextos. Indicaba, por exemplo, que a porcentaxe de poboación que ten o galego como lingua habitual se aproxima á metade, como na media galega, e que non se produciu unha mingua considerable desde os anos 90, como si ocorreu noutras cidades.

Isto, que nos debe servir para avaliar positivamente o esforzo realizado ata o momento e para animarnos colectivamente a continuar recuperando espazo para o galego, tampouco o debemos tomar con autocompracencia. Alén de porcentaxes e cifras creo que todas e todos percibimos na nosa vida diaria que en Compostela é un valor usar o galego, que suma e xera unha comunicación positiva en calquera espazo, educativo, administrativo, social, comercial; incluso coas persoas que nos visitan por diversas razóns. Penso que colectivamente debemos apoiarnos nesta boa disposición para o ben da lingua e tamén para reforzar a nosa identidade e para reforzarnos como comunidade.

—A actual corporación municipal vén de renovar este compromiso, avoga por ampliar o espazo do galego na actividade comunicativa do Concello e por difundir o valor da nosa lingua. Que papel xogan as entidades locais na normalización social do idioma?
Temos unha responsabilidade en garantir a presenza do galego nesa paisaxe de fondo: o nomes das rúas, a sinalización informativa, o transporte...; en todos os trámites que cada día realizan moitas persoas: pedir unha licenza, empadroarse, obter unha tarxeta de aparcamento, pagar o recibo do lixo, ou nas actividades culturais, sociais, deportivas, de lecer que se ofrecen.

Mais non podemos quedar aí, en garantir a presenza, é importante mellorar a calidade desa lingua que ofrecemos e, sobre todo, actuar proactivamente para incentivar o uso nos contextos en que teñamos algunha capacidade de influír, a través da colaboración que se presta a entidades, da contratación pública ou doutro tipo de mecanismos. A lingua é unha causa xusta que debe impulsarse, como a igualdade ou a ecoloxía, de xeito transversal e constante.

—O galego perde falantes. Lembrouno o pasado 17 de maio o presidente da RAG, que volveu pór o foco no ensino. Onde cabe unha maior protección do galego?
A protección e o impulso caben e necesítanse en todos os ámbitos porque todos están interrelacionados. Non cabe dúbida de que se as empresas e as administracións incluísen o requisito da lingua nas súas ofertas de traballo se converterían nun incentivo moi poderoso para que as nais e pais nos preocupásemos por que as crianzas a adquirisen desde o inicio ou para que a mocidade tivese unha motivación excepcional para se expresar en galego.

Todo suma e todas e todos podemos sumar tamén. Quizais sexa máis útil velo así: ademais de lembrarmos cada 17 de maio o mal que están as cousas quizais poderiamos comprometernos con algo que as mellore. Neste empeño todas as persoas e todos os colectivos podemos achegar a nosa contribución e as institucións temos a obriga de facelo.

—A perda na transmisión xeracional do galego urxe outros ámbitos de aprendizaxe e socialización do idioma. O futuro da lingua tamén é das neofalantes?
Por suposto que si, recalcando o "tamén" porque o futuro só será se é de todas e de todos. Ningún ámbito, institución, colectivo, público ou privado, nin ningunha persoa debe quedar fóra. A lingua é o noso principal sinal de identidade e, con total orgullo pola nosa achega ao patrimonio lingüístico da humanidade, temos que apostar polo seu futuro. Temos que acoller e apreciar as persoas que manteñen a lingua e as que se incorporan a ela. O máis importante non é cando comezas a falar en galego, o que importa é que o fales.

No Concello de Santiago, a través de dous programas do Departamento de Lingua, os obradoiros de acollemento e os Elos, para facilitar parellas lingüísticas, estase comprobando como en Compostela temos moitas persoas que queren sumarse a empregalo vindo doutras comunidades e países. Todas son benvidas e deben ser ben valoradas.

—Entre a poboación neofalante hai moita xente moza, que precisa e demanda contidos en galego acaídos á súa idade e intereses. Este mes atópanos en Xeración Alfa, a revista xuvenil que Nós Diario achega aos centros de ensino secundario de Compostela. Como a están a recibir?
A comunidade educativa compostelá ten un compromiso co galego bastante elevado e esta iniciativa contribúe a reforzar os recursos existentes para unha determinada franxa de idade na nosa lingua.

Grazas a este tipo de iniciativas vaise completando a rede de plataformas nas que a creatividade da propia mocidade pode ter espazo, colaborando deste xeito a que teñan referentes propios e en galego. 

Galego para todo, todos os días

"O Concello de Santiago é máis de ter o galego e a nosa cultura presente todo o ano", afirma Míriam Louzao, quen máis aló do mes da Letras avoga por unha programación maioritariamente en galego todo o ano. "As nosas accións a prol do uso da lingua deséñanse e desenvólvense con perspectiva de permanencia máis que de celebración. Intentamos transmitir a idea de que o galego non é só para a literatura, senón que é tamén para os negocios ou para calquera outra relación social". 

Con todo, Compostela homenaxeou Luísa Villalta cun xogo inspirado nos seus versos "Andei por Santiago/pisando estrelas", un convite dirixidos a todas as persoas "a compartiren un recuncho compostelán cunha mensaxe na nosa lingua en que explicasen por que é especial, co obxectivo de reforzar ese orgullo de pertenza".

Comentarios