23-X

Pontón pide votar en chave nacionalista porque "cada escano máis do BNG é un escano menos do PP"

Na Galiza, afirma, xa se coñece que é un Goberno de Feixoo: "Menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereito, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques á nosa lingua e á nosa cultura".
Ana Pontón arroupou o candidato do BNG por Lugo ao Congreso, Daniel Castro, en Foz. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón arroupou o candidato do BNG por Lugo ao Congreso, Daniel Castro, en Foz. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este domingo o Bloque como "a mellor maneira de frear un PP de ganchete coa extrema dereita" porque "cada deputado máis do BNG é un deputado menos do PP; cada escano máis do BNG é un escano menos para o PP", reiterou. Nun acto de campaña no municipio mariñao de Foz, Pontón aproveitou a visita de Alberto Núñez Feixoo este domingo á Galiza para salientar que no país os galegos e galegas coñecen "moi ben" que pasa cando goberna o PP de Feixoo: "Menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereito, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques á nosa lingua e á nosa cultura".

Un Feixoo, censurou, que quere gobernar "coa extrema dereita machista, racista e profundamente antigalega", lembrando que o propio candidato popular declaraba cando era presidente da Xunta que non tiña "intención de pactar con Vox". "E aí o tedes, aliado da extrema dereita antigalega, que quere acabar coas nosas institucións, que quere até prohibirnos falar a nosa lingua, mais non llo imos a permitir", proclamou.

Durante o mítin en Foz, a líder do BNG foi "desmontando" a Feixoo contrapondo "o que di en campaña co que fixo na Galiza". "Cando fala da España baleirada, temos que lembrarlle que aquí deixou un rural despoblado e abandonado; cando fala de que a mocidade marcha, temos que dicirlle que aquí provocou a emigración masiva de 200.000 mozos, tanto do rural como das cidades, porque as súas políticas só ofrecen paro ou precariedade", criticou.

Con base nestes argumentos, Pontón reivindicou que "hai que quitarlle escanos ao PP para darllos ao BNG, empezando aquí en Lugo, con Daniel Castro", onde, segundo apuntou, os nacionalistas disputan un deputado ao PP, "pero tamén en Ourense, en Pontevedra e na Coruña".

"Por iso pido encher as urnas de votos ao BNG e conseguir un grupo galego forte capaz de facer valer Galiza en Madrid e de frear ese tándem PP ultra de ganchete coa extrema dereita antigalega que nos quere prohibir ser o que somos. Non llo imos permitir!", insistiu. Ademais, destacou que este é "o momento do BNG e o momento da Galiza", por moito, dixo, "que queiran reducir a campaña ao bipartidismo Sánchez-Feixoo".

Así, sinalou que está en xogo "ter máis peso político ou ser ignorado". "Defender o noso ou seguir soportando a discriminación das forzas estatais", engadiu, antes de dicirlle "a todas as persoas que queren a este país" que a súa "alternativa" é o BNG, "a única forza coas mans libres para facer respectar Galiza en Madrid". "Pídolle a todos os galegos e galegas que o 23 de xullo voten con ilusión, con esperanza, que voten por un grupo galego forte, sabendo que o BNG non lles vai a fallar. Votemos coa cabeza e co corazón na Galiza", concluíu.

Pola súa parte, o cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Daniel Castro, puxo o foco na "inutilidade" política dos 66 deputados que foron pasando pola Cámara baixa, pero que "nada fixeron por mellorar a provincia". Segundo Castro, "non porque sexan menos listos ou traballadores, senón porque fan o que lles mandan desde Xénova e Ferraz, onde nin A Mariña nin Lugo lles importan nada".

"Vós credes que se houbese un socavón como o da Areoura en Madrid ou se tivese caído un viaducto que é unha vía principal seguirían agardando? Claro que non! E esa discriminación das forzas estatais ten consecuencias para Lugo, porque perdemos oportunidades, porque as empresas non veñen a un territorio mal comunicado e todo iso fai que a xente moza marche”, incidiu.

Comentarios