Aprobados os Orzamentos de Compostela

Coa abstención de PSdeG e BNG, Compostela Aberta saca adiante as contas para 2016. O PP votou en contra.

Pazo de Raxoi
photo_camera [Imaxe Concello de Compostela]

Esta terza feira (15 de marzo) tivo lugar no Pazo de Raxoi unha sesión plenaria extraordinaria para debater e votar os Orzamentos de 2016. Coas asbstencións de PSdeG e BNG, Compostela Aberta sacou adiante as contas públicas, non sen críticas. Pola súa banda, o Partido Popular rexeitounas, non así o Plan Económico Financeiro que si apoiou. 

Desde o BNG o voceiro municipal, Rubén Cela, criticou a demora coa que se presentaron os Orzamentos e cuestionou o seu carácter "participativo" como defenden desde Compostela Aberta. Neste senso, puntualizou que non se tivesen convocado os consellos sectoriais, nomeadamente o veciñal, para pór en común coas asociacións e colectivos de barrios e parroquias as contas. 

BNG: "A partir de agora non hai excusas, a final de ano, falaremos"

Ora ben, sinalou o edil nacionalista, que a súa formación non ía impedir a aprobación dos Orzamentos. "A partir de agora non hai excusas", dixo, "a final de ano, falaremos". 

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG, Francisco Reyes, tamén criticou que das 31 emendas presentadas polo seu grupo só fosen aprobadas dúas. "Que exemplo de integración e de querer enriquecer os orzamentos", retrucou. Así as cousas, o PSdeG tamén se abstivo "por responsabilidade", asegurou. 

PP: "CA deixará de ter un pretexto para culpar ao PP de todo o que pasa"

Desde a bancada do Partido Popular, Agustín Hernández, rexeitou cos votos en contra do seu grupo as contas presentadas pola equipa de goberno. "non son os que necesita a cidade porque incrementan a débeda e desatenden a actividade económica", subliñou. "A nosa postura vai ser de desprezamento", indicou, ao tempo que dixo, o goberno de Compostela Aberta "deixará de ter un pretexto para culpar ao PP de todo o que pasa" pois finalmente as contas foron aprobadas. 

Á saída do pleno o alcalde compostelán, Martiño Noriega, dixo sentirse "satisfeito" polo resultado e asegurou que os Orzamentos de 2016 "aumentan o gasto social e apostan no re-equilibrio territorial". 

Comentarios