18-F

O avogado compostelán Luís Teira renuncia a ir na lista do PP por "motivos persoais": "Foi un malentendido"

Tras correr a lista e pasar Cecilia Vázquez a ocupar o posto número 15, Ángel Rodríguez Conde situarase no número 16 da candidatura popular pola Coruña.
Un home depositando o seu voto nun colexio electoral de Castro Caldelas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Un home depositando o seu voto. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O avogado compostelán Luís Manuel Teira Otero non ocupará finalmente o posto número 15 da lista do Partido Popular pola circunscrición da Coruña para as eleccións galegas. Vén de confirmalo el mesmo nunha conversa telefónica coa axencia Europa Press na que explicou que a decisión, adoptada a última hora —de feito até esta mesma segunda feira figuraba como un dos integrantes da candidatura que encabeza o vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo—, parte del e débese "estritamente a motivos persoais".

"É un tema meu. Foi un malentendido e por iso foi a última hora", limitouse a indicar Teira, quen, ademais de avogado especializado na transición enerxética europea, é tamén director de operacións de Impulsa Galicia. Nesta conxuntura, fontes do partido citadas por Europa Press explicaron que correrá a lista e ocupará o seu posto a betanceira Cecilia Vázquez, quen ía ocupar o número 16 da candidatura.

Teira ía xusto pegado aos postos de saída —os populares lograron 14 escanos pola Coruña nos anteriores comicios, en 2020—, xusto a continuación do carballés Rubén Lorenzo e de Paula Mouzo, de Camariñas, que ocupan o 13 e o 14, respectivamente.

Tras correr a lista e pasar Cecilia Vázquez a ocupar o posto número 15, Ángel Rodríguez Conde situarase no número 16 da lista que, encabezada por Calvo e coa secretaria xeral do partido, Paula Prado, como número 2, integra o maior número de conselleiros e conselleiras.

Comentarios