Blanco quere un debate galego entre PSOE e PP que marxine o resto de forzas

Malia que todo indica que as europeas poden converterse nun castigo ao bipartidismo, o representante galego na lista socialista, José Blanco, pide publicamente un debate xunto a Millán Mon, d@s populares, no que non estarían outras forzas como BNG ou AGE. A candidata nacionalista, Ana Miranda, afirma que “son as dúas caras da mesma moeda”.

José Blanco
photo_camera José Blanco

A crise das dúas principais forzas políticas do Estado español, PP e PSOE, é tamén a dun dos piares do modelo constitucional, o bipartidismo. Pasan por un mal momento ambos partidos, ao punto de que o seu voto sumado pode alcanzar mínimos históricos nas eleccións europeas do próximo 25 de maio. Así o indican a maioría das enquisas. Se cadra por iso ambas formacións buscan fórmulas para manter o seu status quo, que en Galiza pasan por apropiarse do debate electoral, segundo proposta do candidato galego na lista do PSOE, José Blanco.

 

O ex-ministro de Fomento -ao que se lle atribúen responsabilidades políticas na traxedia de Angrois- segue de campaña e a súa última proposta foi a de pedir un cara a cara con Francisco Millán Mon, o cuñado de Rajoy que cumpre coa cota galega na candidatura do PP. Así, e malia que nin sequera é seguro que PP e PSOE sexan as dúas forzas máis votadas na Galiza, Blanco intenta deixar fóra a outras opcións, como por exemplo as de BNG e AGE.

 

A pesar de que xa se traballa na celebración dalgún debate a varias bandas, non se contemplou aínda a posibilidade dun que só reúna a PP e PSOE, sen participación doutras siglas, que sería algo inédito en Galiza, xa que este tipo de encontros nunca foron bipartidistas e cando reunían a dúas persoas, como nas últimas autonómicas, celebrábanse varios, até completar o arco parlamentario. Agora, Blanco quere reducir as eleccións a un combate formal entre populares e socialistas nos seus peores momentos. Que talvez por iso se defenden mutuamente. Hai dous días, o candidato asturiano do PP, Salvador Garriga, pediu que se vote “só a PP e PSOE, non a partidos pequenos”.

 

A proposta de Blanco xerou malestar noutras forzas. A candidata do BNG, Ana Miranda, contestou que “PSOE e PP son as dúas caras da mesma moeda”. “Homologados na aplicación de políticas e recortes, reformas laborais aquí e votos semellantes unha e outra vez no Parlamento Europeo, sobre todo nos temas económicos, estes dous partidos non poden ocultar o resentimiento cara o feito nacional de opcións como o Bloque”, dixo. Tamén pediu que os medios públicos non se presten a tal amaño.

Comentarios