CARA AO 26X

O Bloque ve unha "oportunidade" nas novas eleccións xerais para que "Galiza volva ter voz propia"

A portavoz nacional da organización frontista asegurou que estes catro meses foron "un paripé e un teatrillo" das "vellas" e "novas" forzas políticas.

Ana Pontón entrevista 3
photo_camera [Imaxe SG]

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, pronunciouse a respeito da nova convocatoria electoral ás Cortes españolas após a imposibilidade de se conformar novo goberno como sinalou na xornada de onte o presidente do Congreso, Patxi López. 

Segundo Pontón este novo proceso eleitoral é unha "oportunidade" para que "Galiza volva ter voz propia nas Cortes" pois, sinalou, "estivo desaparecida" do debate político durante os últimos catro meses. Toda vez que as "vellas" e "novas" forzas políticas con representación parlamentar estiveron "a facer o xogo dos intereses das súas direccións estatais esquecendo  o mandato e promesas que fixeron na campaña", afirmou. 

Ana Pontón: "Galiza estivo desaparecida do debate político"

Neste senso, desde o BNG --quen avanzou que concorrerá coas súas siglas aos comicios-- achan que após o tempo transcorrido desde o 20 de decembro hai moitas persoas "decepcionadas" co co que definen como un "paripé e teatrillo" que, din, demostra que non existía vontade por construír unha alternativa a Rajoy. 

Así pois, defenden, "ábrese un novo período e unha nova oportunidade para recuperar unha voz firme en defensa de Galiza e dos seus intereses". Aliás, Ana Pontón asegurou que de se producir un hipotético adianto electoral na Galiza o Bloque está preparado. 

O Goberno de Núñez Feijóo, dixo, está "esgotado, escóndese ante os problemas e mesmo é incapaz de pedir perdón cando se equivoca", sinalou en referencia ao caso da hepatite C. É un goberno, recalcou “que xa non pode ofrecer nada a Galiza e canto antes os galegos e galegas poidamos firmarlle a carta de despido a Feijóo, moito mellor”.  

Comentarios