BNG, En Marea e PSdeG rebaixan o triunfalismo de Feijóo coa conferencia de presidentes

Consideran “escasos” e “irrelevantes” os acordos acadados na cita autonómica por un Núñez Feijóo ao que reprochan non actuar con criterio de país. O presidente fala dun balanzo “positivo e esperanzador”.

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Núñez Feijóo compareceu no Parlamento de Galiza a petición das tres forzas da oposicións para dar conta dos resultados da Conferencia de presidentes autonómicos que decorreu a semana pasada, unha cita que, para o mandatario galego, deixa un balanzo que non pode cualificarse máis que como “positivo” e “esperanzador” para Galiza. Se ben matizou que da Conferencia non saen solucións máxicas, non puido evitar afirmar que nese encontro “recolléronse todos os temas que interesan a Galiza”.

“O modelo de financiamento será para todos ou non será” (Núñez Feijóo)

Once foron os acordos atinxidos na Conferencia, algúns deles moi importantes para o noso país, como enfatizou o presidente. Parabenizouse de que na cita se asumise o problema da demografía (“acordouse afrontalo por primeira vez de forma coordenada”). A respecto do financiamento, o presidente da Xunta non se moveu un milímetro da posición que mantén estes meses cunha renovación do vello café para todos. “O modelo de financiamento será para todos ou non será”, afirmou na Cámara. Para BNG e En Marea esa “submisión” implica renunciar a exercer como presidente dun país.

Negociación bilateral co estado

A portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou a “estratexia subordinada aos intereses do PP de Madrid” que practica Núñez Feijóo. Para Galiza a conferencia de presidentes foi un ‘bluff’, sostén a fronte nacionalista, que considera que o paso preciso é ir cara a unha negociación bilateral Galiza-Estado. Un concerto económico (“que achegaría 3.500 millóns de euros adicionais”), a recuperación do sistema financeiro propio (“a liquidación das caixas foi unha estafa”) e acabar co “espolio enerxético” foron algunhas das cuestións que Pontón puxo riba da mesa.

“Por que negarnos un sistema que nos achegaría 3.500 millóns de euros?” (Ana Pontón)

“A súa estratexia leva Galiza á irrelevancia política” recriminoulle a portavoz nacionalista na quenda de réplica ao tempo que negaba o argumento de que “en Galiza vivimos da solidariedade do resto do estado”. “Se Euskadi ten o concerto por que Galiza non, se Catalunya vai conseguir o concerto, porque Galiza non, por que negarnos un sistema que nos achegaría 3.500 millóns de euros?” preguntoulle Pontón.

Renuncia

“A esta conferencia vostede levaba a carteira baleira, por iso saíu tan contento”. O portavoz `parlamentar de En Marea reprochaba así a Núñez Feijóo que non levase unha postura clara, concreta e de defensa dos intereses de Galiza. “Un modelo de financiamento como o actual non nos vale, trátanos como unha provincia”, afirmou Luis Villares para quen na conferencia Feijóo volveu facer gala dunha “postura de renuncia de país”, como xa fixera, dixo, en cuestións como a AP9.

“Un modelo de financiamento como o actual non nos vale, trátanos como unha provincia” (Luis Villares)

Villares avogou por un modelo de financiamento “acorde co carácter nacional de Galiza”, un modelo “propio”. Defender isto, explicou dirixíndose a Feijóo, non obriga a saírse da constitución española, que recoñece Galiza como nacionalidade. “Non somos unha rexión, que fique claro”, apontou, ao tempo que instou o mandatario a “exercer como presidente dun país” e a favor “das maiorías sociais”.

Poucas noces

“Moito ruído e poucas noces”. Así cualificou Fernández Leiecaga o resultado da Conferencia. Lamentou que da exposición do presidente desprendeuse que nese encontro non houbo referencias a cuestións como infraestruturas e AVE, trasferencias pendentes ou o fondo de compensación. “Expectativas elevadas e malos resultados”, insistiu, criticando que non houbese compromisos claros nas cuestións que máis afectan a Galiza.

“Expectativas elevadas e malos resultados” (Fernández Leiceaga).

Así, para o portavoz do PSdG, en temas como financiamento ou dependencia o discurso do presidente no Parlamento non foi alén de declaracións de intencións, sen achegar datos ou informacións que amosasen que se acadaron propostas concretas ao respecto.

Comentarios