BNG pide na Coruña e Lugo a retirada da bandeira da UE dos edificios municipais

A medida quere ser, sinalan os nacionalistas, unha denuncia “contundente” das políticas “inhumanas e lesivas”, e “alleas a calquera principio humanitario” que se aplican cos refuxiados.

concello coruña fachada bandeiras

O BNG de Coruña vén de presentar por rexistro unha iniciativa para que o goberno local retire a bandeira da Unión Europea de todos os edificios municipais da cidade, unha proposta que se suma á que o BNG de Lugo realizou nestes días. O Bloque Nacionalista Galego quere denunciar con esta proposición, “as políticas inhumanas e lesivas contra as persoas que se defenden desde as altas instancias da Unión Europea, alleas a calquera principio humanitario”. Citan como exemplo o recente acordo entre a UE e Turquía, “que viola os dereitos humanos fundamentais, tal e como indicou a ONU”.

Ante esta situación, o BNG considera necesario evicenciar que "a maioría dos galegos e das galegas" non apoian políticas e acordos que supoñen ir "contra a legalidade internacional e os dereitos humanos".

“É un xesto simbólico para evidenciar a vergoña que sentimos de pertencer a unha Unión Europea disposta maltratar a persoas que foxen dunha guerra provocada desde Occidente”, conclúe a concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira.

Este tipo de iniciativas estenderanse a máis concellos nos vindeiros días e semanas.

Comentarios