XAVIER CAMPOS / ENTREVISTAS ARREDOR DA UNIDADE

“A candidatura unitaria só será posíbel se é ao servizo de Galiza"

Integrante da coordenadora da Iniciativa pola Unión e membro da Executiva do BNG, Xavier Campos considera que é tempo de ir concretando os pasos para tecer unha candidatura unitaria galega que, aponta, “desde nós, e para defender os intereses de Galiza”, achegue en clave de país para un escenario de cambio.

xaviercampos
photo_camera Xavier Campos


- Esta fin de semana, a Iniciativa pola Unión realizou unha asemblea en Compostela que supuxo, en certa forma, abrir unha nova etapa no decorrer desta plataforma. Cales van ser os pasos e criterios desta nova xeira?

- A asemblea de Compostela serviu para dúas cousas. Por unha banda, reafirmouse unha vontade unánime de traballar para intentar a confluencia con outras iniciativas sociais de cara a lograr unha candidatura unitaria galega. Un camiño, o da confluencia, que é constante, xa desde o 25 de xullo unitario, despois o banquete de Conxo...

Por outra banda, para facer posíbel esa unidade hai que dar pasos, camiñar. Coa man tendida e a porta aberta, mais hai que poñerse a facer o camiño. Por iso na asemblea comezouse a deseñar e perfilar cuestións como o programa, os elementos do código ético, como pode ser o procedemento de elección de candidaturas...

- Que estamos nun momento 'excepcional' tamén o reflicte este proceso, con organizacións dispostas a renunciar as súas siglas, con iniciativas de base a pular por unha candidatura unitaria. Que nos estamos a xogar nestas eleccións?

- O escenario é excepcional, efectivamente. Éo, ademais, por varios motivos, desde a crise económica até o esgotamento do modelo político que saíu da Transición, pasando polo propio proceso catalán. Hai posibilidade de ir cara a un novo escenario e aí Galiza ten que estar con voz propia, como pobo, como país. Precisamente por estar nun momento excepcional precísanse respostas excepcionais e temos a obriga de estar á altura do que demanda a propia sociedade galega. E aí é fundamental que Galiza teña un grupo parlamentar propio, xa polo que supón do propio dereito a ter a nosa capacidade produtiva, o noso propio modelo de financiamento acaído ás nosas realidades e necesidades... Galiza debe ter unha representación propia e soberana, máis aínda nestes momentos nos que se pode abrir un escenario de cambio.

“Galiza debe ter unha representación propia e soberana, máis aínda nestes momentos nos que se pode abrir un escenario de cambio”.


- A afiliación do Encontro cidadán por unha marea galega acordou en votación non 'fusionarse' coa Iniciativa pola Unión e optar por unha 'colaboración técnica'. Ralentiza iso o proceso de confluencia?

- Votaron dúas opcións que en realidade nós desde IpU non propuxeramos. A proposta de Iniciativa pola Unidade era a confluencia. Xa houbo espazos de debate, actos conxuntos, mesas de partidos... Agora é tempo de sumar, de concretar as coincidencias en feitos, e tamén de presionar desde a sociedade ás forzas políticas para que se definan en base á proposta que está enriba da mesa: unha candidatura galega de unidade popular que consiga unha ampla representación parlamentar, plenamente soberana, nas Cortes españolas. 

- O tempo continúa a correr e as eleccións están cada vez máis perto. Non se corre o risco de que nos acabemos atopando cuns feitos consumados ante os que pouca marxe de maniobra queda?

- Teño a sensación de que hai dous procesos diferentes. Un que parte de iniciativas sociais de base, que desde abaixo e en chave galega están a apostar en unir e incorporar para ter esa candidatura unitaria, e aí está Iniciativa pola Unión e tamén o Encontro cidadán. E outro proceso que pasa por un espazo de acordos de cúpulas de forzas políticas, que xa usan fórmulas diferentes. Eu creo que o camiño son esas dinámicas de base impulsadas pola xente e que fan fincapé no que nos une. Cada un dos actores ten que comezar a definirse porque o tempo avanza. E cada quen ten que comezar a posicionarse, se está por unha candidatura unitaria galega feita desde abaixo, ou ben se está por outras fórmulas, non centradas no país e respondendo a outros intereses. E creo que esta última opción sería un erro que a sociedade galega non entendería.

- Hai certo discurso que sitúa IpU como a plataforma 'galeguista' ou 'nacionalista' e ao Encontro Cidadán como a plataforma 'cidadanista'. Erra?

Iniciativa pola Unión é de base cidadá e ao tempo centrada no país. Non existe contradición algunha, non hai esa dicotomía. Desde esa base de protagonismo da xente e visión desde nós, desde Galiza, apostamos nun espazo de confluencia das persoas, colectivos sociais e forzas políticas que compartimos os contidos e obxectivos da unidade que a nosa sociedade demanda. E esa unidade só será posíbel se se fai ao servizo da sociedade galega, co centro de decisión aquí.

“Xa houbo espazos de debate, actos conxuntos, mesas de partidos... Agora é tempo de sumar, de concretar as coincidencias en feitos”


- O grupo parlamentar: unha finalidade ou unha ferramenta? Ou cres que non hai contradición entre ambas formulacións?

- O importante é ter claro que queremos ter unha representación pensada para servir os intereses do noso país, as súas necesidades. Quen asuma Galiza como marco de refrencia non debería ter problema na defensa dun grupo parlamentar propio e soberano. Hai coincidencia en que Galiza é un suxeito político, pois ben, apliquemos o que iso supón. E un grupo parlamentar galego, ademais de dar voz ao país, tamén pode facilitar dinámicas proclives a un cambio de escenario no Estado, de se dar as condicións. Ese grupo é a garantía de que os intereses de Galiza non fiquen supeditados a ningunha outra estratexia ou interese.

- Ten percorrido esta dinámica de base de Iniciativa pola Unión máis alá das eleccións Xerais? Pode ter continuidade despois deses comicios?

- Entendo que esta dinámica é positiva, pois contribúe ao empoderamento da sociedade no marco galego, e iso é básico. En canto a unha concreción electoral en futuros procesos... depende de moitos factores, desde logo, como por exemplo do resultado do propio proceso que se está a producir agora. Unha cousa que si destaco disto é o nivel da sociedade galega de comprometerse en torno a un proxecto aberto e plural en clave de país, da defensa de Galiza como un suxeito político con todos os dereitos. Iso é o importante. 

Comentarios