Compromiso decidirá nunha Convención nacional a fórmula na que irá ás xerais

Nela a afiliación será quen decida como CxG irá á cita coas urnas.

Xoán Bascuas, candidato de CxG

O secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, anunciou que a organización realizará, “en próximas semanas” unha Convención Nacional para que “o conxunto de afiliación” decida a fórmula de concorrencia nas próximas eleccións xerais. Bascuas indicou que o cometido do Consello Político Nacional foi emitir unha posición política en forma de resolución, a de explorar unha “plataforma cidadá galega, liderada pola xente e onde as organizacións políticas empurraran, como motores auxiliares”, co obxectivo “de ter grupo parlamentario propio”. Isto, indicou, viría da “necesaria confluencia das diversas iniciativas cidadás, acompasando método e discurso, e coa necesaria interlocución coas organizacións políticas”.

Porén, tanto esta opción, de darse, “ou outras opcións de concorrencia” someteranse á consideración do plenario, “sen ningún tipo de posición da dirección e ningún tipo de barreira para a presentación de outras propostas por parte da afiliación”. Xoán Bascuas non puido adiantar a data, “xa que non depende en exclusiva de nós”, e agarda, “que en breve o escenario político sexa máis claro para poder tomar unha decisión con toda a información enriba da mesa”.

Comentarios