Compromiso por Galicia reclama unha oficina na Galiza para atender as vítimas do sinistro de Angrois

A petición rexistrada en Change.org acumula por volta de 300 sinaturas. A formación que lidera Xoán Bascuas entregou a mesma reclamación nas dependencias do delegado do Goberno español e solicitou unha xuntanza con el "para que dea conta das súas xestións"


Após o anuncio do ministerio de Fomento de que ficaba habilitada desde o 1 de agosto unha oficina nas dependencias de Renfe, en Madrid, para atender as persoas afectadas polo descarrilamento dun Alvia o 24 de Xullo en Compostela, Compromiso por Galicia rexistrou unha petición para que se abra máis unha oficina na Galiza. 

Alén de a entregar nas dependenzas da Delegación do Goberno español, na Coruña, tamén abriu unha páxina en Change.org que acumula por volta de 300 sinaturas e na cal recordan que "a maioría das víticas son galegas e fican aínda moitas persoas ingresadas no hospital Clínico" da capital galega, así como que os trámites das aseguradoras se están a desenvolver nesta cidade. 

A formación galeguista ampárase no obxectivo que Fomento lle adxudicou á oficina aberta na cidade española, sendo aquel o de dar cobertura integral tanto de información como de atención para facilitar a realización dos distintos trámites, así como calquera dúbida ou consulta e dados na cobertura dos seguros.

Por isto, consideran que Renfe "debe abrir unha oficina en Santiago cos mesmos obxectivos e funcións", ao tempo que solicitou ao representante do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, que manteña unha xuntanza con Compromiso por Galicia "para dar conta das súas xestións". 

Comentarios