Cs e PP negocian xa o orzamento para 2017, indicio do seu acordo para a investidura

Após a súa alianza para a conformación da Mesa do Congreso, Ciudadanos e o PP intercambian xa papeis para dar forma ao orzamento do Estado para 2017. As contas estarán moi condicionadas pola hipotética sanción da UE por desvío do déficit en 2015. Todo indica que Rivera e Rajoy teñen un acordo de fondo que contempla a investidura.

Congreso, abertura constitución da XII lexislatura.
photo_camera O novo Congreso

Non ten moito sentido político negociar uns orzamentos se non estás disposto a colaborar activamente na conformación da maioría parlamentar que lles podería dar viabilidade, así que a maior parte das e dos analistas políticos concordan en que o bloco do centro-dereita estatal podería alcanzar un acordo.

Os 169 escanos que PP e Cs reúnen votarán previsibelmente por Rajoy na segunda volta da sesión de investidura, prevista para a primeira semana de agosto. Ciudadanos formalmente está aínda atada pola decisión da súa Executiva (voto negativo na primeira votación, abstención na segunda) mais os seus últimos movimentos políticos indican que a formación liderada por Rivera se move con rapidez cara ao si ao candidato conservador, Mariano Rajoy. Porén, fontes do partido laranxa afirmaron á SER que as conversas sobre os orzamentos non teñen nada a ver coa investidura, que son simplesmente para “adiantar traballo” e que a súa posición continúa a ser a marcada pola executiva.

En todo caso, eses eventuais 169 escanos de PP máis Ciudadanos -que poderían ser 170 contando co asento de Coalición Canarias- son, porén, insuficientes se o resto da cámara, 180 parlamentares, votasen contra a investidura. O certo é que a votación da Mesa da Cámara abre certas xanelas de oportunidade para o partido conservador, que obtivo até 179 votos (isto é, 10 sufraxios máis dos que suman Cs e PP) na escolla dos membros do órgao de goberno da cámara, non así da súa presidenta, Ana Pastor, que ficou cos 169. Os 10 apoios a maiores terían vindo de CC, PNV e o Partit Demòcrata Català. Dalgúns deputados, non de todos, segundo revelou Rafael Hernando, portavoz do grupo parlamentar do PP.

A posición pactista do PNV -menos enfrentado co PP do que os soberanistas catalás- dábase por descontada, mais que contraprestación agarda obter o PDC en troca deses apoios? Todo indica que a contrapartida sería o nihil obstat da maioría da Mesa do Congreso (PP máis Cs) á constitución do seu grupo parlamentar, conformación que apresenta problemas de legalidade ao non cumprir o requisito regulamentar da percentaxe de votos (o 15%) nen nas circunscricións de Barcelona e Tarragona nen no conxunto de Catalunya.

O cenario ideal para Rajoy de cara á investidura sería dispor dos 5 escanos do PNV (co cal tería 175, un menos que a maioría absoluta) e contar coa abstención dos 8 de PDC. Sería máis que suficiente para ser investido, pois os votos en contra ficarían en 167.

Mais a operación non está en absoluto garantida. O PNV está ás portas dunhas eleccións en Euskadi e o movimento do PDC cara á abstención podería causar tensións internas co seu socio de Junts pel Sí ERC.

Destarte, os ollos do PP continúan postos no PSOE. O partido de Rajoy considera que se se apresenta con 170 escanos, a só 6 da maioría absoluta, o Partido Socialista ten moi difícil xustificar un veto que podería desencadear unha nova convocatoria eleitoral.

O problema para o PP é que, segundo algunhas fontes, Pedro Sánchez continúa a contemplar como hipótese a formación dunha maioría alternativa. Ao PSOE non lle vén mal que os últimos pasos do PP estean a normalizar os pactos -tácitos ou implícitos- coas formacións nacionalistas. Nunha reunión a porta fechada do grupo parlamentar socialista realizada esta segunda feira, Sánchez dixo que compría tirar do limbo os 17 escanos soberanistas catalás (9 de ERC, 8 do PDC), o que foi interpretado como un indicio de que o secretario xeral do PSOE está disposto a o intentar na eventualidade de finalmente Rajoy non obter a confianza maioritaria do Congreso.

Comentarios