28-M

Defensa da Sanidade pide votar as forzas políticas que apoien a pública

"Un triunfo do PP nestas eleccións, aínda que sexan municipais, serviría de apoio e referendo a esta política destrutora do sistema sanitario público", afirma a asociación.
Manifestación en defensa da sanidade pública o pasado domingo 12 de febreiro en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Manifestación en defensa da sanidade pública, o pasado 12 de febreiro, en Compostela. (Foto: Arxina)

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) fixo esta quinta feira un chamamento á poboación da Galiza para que participe nas eleccións municipais do 28 de maio "e vote partidos políticos que defendan a sanidade pública, xa que aínda que sexan [comicios] do ámbito local, os resultados terán moitas implicacións para o sistema sanitario".

Este colectivo, no que hai profesionais e persoas usuarias da sanidade, así como diferentes colectivos e organizacións, responsabiliza o PP de desenvolver nestes anos unha política contraria ao sistema sanitario publico. "Desmantelamento da Atención Primaria, recortes de persoal de categorías como Medicina de Familia, Pediatría, Enfermaría, matronas, etc; feches de centros de saúde e consultas; listas de agarda...", enumeran.

Todo isto, afirman, "xera un gran malestar social nas cidades e vilas galegas". Que o PP vetase na Cámara galega unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a Atención Primaria, avalada por máis de 50.000 sinaturas, é outra das críticas que a AGDSP fai á formación de Alfonso Rueda. En contraposición, celebran o éxito da manifestación convocada o pasado 12 de febreiro na defensa do sistema público, que contou "co apoio e colaboración dos gobernos municipais progresistas e nacionalistas".

"A Xunta do PP e a Consellaría de Sanidade reduciron os orzamentos sanitarios; recortaron os recursos da Atención Primaria; paralizaron a actividade dos hospitais públicos multiplicando as listas de agarda, enviando as persoas enfermas a centros privados concertados; suprimiron a obrigatoriedade da dedicación exclusiva do persoal médico para que poida traballar na privada; desmantelaron áreas sanitarias e tamén os seus hospitais comarcais, e mantiveron o persoal nunhas condicións laborais precarias e indignas", lamentan.

"Un triunfo do PP nestas eleccións, aínda que sexan municipais, serviría de apoio e referendo a esta política destrutora do sistema sanitario público", conclúe a asociación, que, no sentido oposto, salienta: "Votar partidos que defendan a sanidade pública é unha forma máis de loitar contra o deterioro do sistema sanitario público na Galiza".

Documental sobre a "destrución" do sistema

Precisamente esta cuarta feira a plataforma SOS Sanidade, da que a AGDSP fai parte, presentou en Santiago o documental DEP-Destruír É o Plan, unha peza audiovisual que recolle unha pluralidade de voces para analizar o estado actual da sanidade pública no país. Unha situación que ten un unha das súas consecuencias máis graves en que "a mortalidade evitábel non xustificada pola epidemioloxía segue crecendo na Galiza".

A preestrea estivo acompañada, adfemais, dun coloquio no que participaron diferentes representantes de colectivos de defensa da sanidade pública como os doutores Xosé María Dios e Manuel Martín, voceiros de SOS Sanidade, ou Vanesa Viquendi, encargada de defender no Parlamento galego a ILP que procuraba afortalar a atención primaria.

Comentarios