Un discurso á marxe da realidade, coinciden En Marea, PSdeG e BNG

A intervención de Núñez Feijóo no debate do estado da Nación é “decepcionante” (Luis Villares), “previsíbel e triunfalista” (Fernández Leiceaga) e “ insensíbel e entregado ás consignas do goberno central” (Ana Pontón).

Parlamento da Galiza

Non convenceu á oposición o discurso de Núñez Feijóo no denate do estado da Nación. Unha intervención á que En Marea, PSdeG e BNG coincidiron en criticar polo seu afastamento da Galiza “real” e o ancoramento no inmobilismo.

Para Luis Villares (En Marea), Feijóo esqueceu “completamente falar das persoas que el deixou tiradas na crise”. O portavoz parlamentar criticou que o presidente viñese ao Parlamento facer un balanzo dun ano de goberno que semellaba  “unha película de debuxos animados”

“Feijóo é previsíbel e triunfalista”, afirmou Fernández Leiceaga. O portavos socialista no Parlamento considera que o primeiro ano de goberno desta lexislatura foi “un ano perdido” e que o discurso de Feijóo “era previsíbel e triunfalista”. Núñez Feijóo "insiste" nas súas políticas, dixo, sen preocuparse das "fracturas" que deixan.

De por parte, a portavoz do BNG considera que no debate vimos “un Feijóo insensíbel, entregado á extrema dereita e ás consignas do goberno central. Ana Pontón considera que do discurso do presidente extráese que “vive encapsulado en Monte Pío, non percibe os problemas da Galiza real”. “O réxime do 78 está en crise e o que fai falla é máis democracia, non discursos incendiarios”. Para a nacionalista, "a falta de confianza" do presidente galego "é un lastre para o desenvolvemento" do país. 

Comentarios