O Consello reúnese hoxe

A elección da Portavocía de En Marea, no aire

O Consello das Mareas reúnese a tarde deste domingo para elixir a coordinadora. Segundo avanzou Antón Sánchez, de Anova, na orde do día tamén se contempla a elección da Portavocía orgánica, mais que saia adiante, advertiu, dependerá de como discorra a xuntanza.

Plenario de En Marea decembro de 2016
photo_camera Á esquerda, Xulio Ferreiro, no centro Luís Villares e á dereita, Xosé Manuel Beiras

Esta tarde reúnese o Consello das Mareas e todas as vistas están postas na elección da Portavocía orgánica do partido instrumental. Segundo informou Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova, o sábado, a orde do día inclúe, amais da escolla da Coordinadora, a Portavocía ou Portavocías.

Antón Sánchez sinalou que a elección da ou do portavoz dependerá de se sae adiante ou non a orde do día que, á súa vez, será en función de como transcorra a reunión.

A pasada segunda feira, Luís Villares, portavoz parlamentar de En Marea, afirmara que na reunión desta tarde se elixiría a Coordinadora e que, no caso de non se elixir hoxe o portavoz orgánico, a escolla tería lugar “moi pronto”.

Fontes consultadas por Sermos Galiza indican que a xuntanza no restaurante Paz Nogueira, en Compostela, encetará ás 17h e concluirá ao redor das 20h.

Elección da Portavocía

Nunha recente entrevista publicada por Europa Press, Xosé Manuel Beiras indicaba que aceptaría ser eleito portavoz orgánico se for esta “unha decisión colectiva” e asegurou que é “moi disciplinado”. Con todo, salientou que Villares é “a referencia” e non ve incompatíbel que comparta ambas as responsabilidades.

A elección da Portavocía é a principal disensión entre as persoas que integran o Consello das Mareas. Quen forma parte da candidatura encabezada por Villares, Máis Alá!, son partidarias e partidarios de que se respecte o documento defendido por esta corrente e que impediría compatibilizar Portavocía parlamentar e orgánica. De ser maioritario este posicionamento, o ex maxistrado non podería ocupar ambos os cargos.

Pola contra, as persoas que concorreron nas listas Queremos Participar e Somos Quen, boa parte de Anova e Cerna, apoiarían que Villares ocupase as dúas portavocías.

Elección da Coordinadora

As listas Somos Quen, liderada polo parlamentar de Anova Davide Martínez, e Queremos Participar, nucleada ao redor de Cerna, reivindican que se aplique o criterio da proporcionalidade pura á hora de constituír o máximo órgano executivo de En Marea. O resultado sería: 6 postos para Máis Alá, 3 para SQ e 2 para QP.

Pola contra, a lista encabezada por Villares admite a proporcionalidade, se ben discute a pureza: en función de que normas eleitorais se apliquen, a distribución de postos podería ser máis ou menos favorábel para uns e para outros. Precisamente, este asunto xa foi polémico á hora de atribuír as prazas no Consello das Mareas, cun recurso de Queremos Participar finalmente desbotado.

Comentarios