Equo desvincúlase de En Marea

Decidírono nunha asemblea asemblea extraordinaria o 18 de febreiro, mais a noticia non trascendeu até a comunicar esta segunda feira através da súa web. Equo deixa En Marea por non partillar "nin as formas nin os xeitos cos que foi tomando corpo a nova fórmula de partido instrumental". Equo si mantería a súa participación nas mareas municipalistas.

Equo
photo_camera Un momento da asemblea constituínte da federaciókn entre Espazo e Equo

Desagrégase un dos componentes da autoproclamada unidade popular e faino por disconformidade con como está a evoluír o proceso de conformación de En Marea como partido instrumental. A xuízo da formación ecoloxista, a confluencia está a repetir "os principais defectos e taras" que xa tería amostrado na súa etapa como coligazón eleitoral "de tres partidos", en alusión a Anova, Podemos e Esquerda Unida.

Equo -partido que no Estado ten tres parlamentares integrados no grupo de Unidos Podemos- desvínculase de En Marea e aposta en "fortalecernos na nosa andaina propia no ecoloxismo político e no ecofeminismo, facendo un chamamento á cidadanía galega a sumarse activamente ao noso proxecto de país".

Críticas a forma en que se está a concretizar a configuración de En Marea como partido, mais gabanzas aos traballos das mareas municipalistas. Así se resumiría a posición de Equo: "Desexamos amosar o noso apoio e o noso orgullo polo bo traballa que están a facer as nosas xentes nas mareas municipalistas nos distintos concellos do país".

A formación ecoloxista entende que En Marea non é o vehículo neste momento para aprobar materias pendentes "no escenario político actual como a posta en valor da radicalidade democrática, a horizontalidade, a participación en pé de igualdade e a transparencia". "Principios que están nos xenes das xentes de Equo Galicia e aos que non queremos nin podemos renunciar", alega. 

Equo ten unha política de alianzas variábel. No Estado mantén vínculos con Unidos Podemos. Na Galiza até agora con En Marea. E o pasado mes de maio constituíu con Espazo Ecosocialista -a organización que ten Xan Hermida como referente- o que deron en chamar unha Cooperativa Galega do Ecoloxismo Político.

Comentarios