Ex-militantes de Nós-UP impulsan unha nova organización independentista

‘Agora Galiza’ inicia un proceso constituínte a culminar en 2016 coa I Asemblea Nacional. A súa primeira decisión é apoiar e adherir a unha convocatoria unitaria do Día da Patria.

Apenas dúas semanas despois da disolución de Nós-Unidade Popular, nunha decisión que non contou con unanimidade nin consenso de toda a militancia, un grupo de afiliad@s á extinta organización constituíron esta pasada fin de semana en Compostela ‘Agora Galiza, unha nova organización independentista. Nun comunicado, as persoas que impulsan esta “organizaçom socialista e feminista galega de libertaçom nacional” argumentan o paso dado pola “carência de um instrumento nacional de luita e intervençom de caráter plural, vocaçom de massas e sob o modelo organizativo de unidade popular”. Na composición do novo proxecto, salientan @s responsábeis, conflúen persoas procedentes de "diferentes" traxectorias militantes no ámbito político e social.

Comezan un proceso constituínte que prevén finalizar no primeiro trimestre de 2016, cando realizarán a súa I asemblea nacional. As primeiras decisións adoptadas pola recén nada organización son as de apoiar e adherir a un Día da Patria unitario en prol da soberanía, e en axudar á configuración dun bloque independentista na mobilización do 25 de xullo.

“Nascemos com a firme vontade de contribuir modestamente à recomposiçom integral do campo da esquerda patriótica galega”, afirman no comunicado. 

Comentarios