O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, manifestou que é "ilóxico e absurdo" que Alberto Núñez Feixoo compatibilice o cargo de presidente da Xunta co do PP a nivel estatal. Neste sentido, a modo de exemplo, afirmou que ve "imposíbel" defender ao mesmo tempo "o financiamento autonómico de Murcia e o da Galiza".
"Incompatibilidade de postos"
En declaracións aos medios en Compostela, após reunirse coa ministra de Educación, Pilar Alegría Continente, o líder do PSdeG cre que esa "incompatibilidade" de postos vaise dar "constantemente".
Aínda que sinalou que a decisión de Núñez Feixoo é unha "cuestión persoal" e dálle nese sentido o seu tempo, tamén advertiu de que é unha "cuestión de compromiso coa Galiza".
Ante preguntas dos xornalistas sobre cando consideraría apropiado que Feijóo decida o seu futuro, Formoso insistiu en que "é unha decisión persoal".
Comeza o "tic tac"
No entanto, advertiu de que, unha vez que tome esa decisión, comezará o "tic tac" para saber se "ten un compromiso de país ou hai un compromiso co resto do Estado".
González Formoso voltou a incidir en que Feixoo ten a responsabilidade de dirixir Galiza e sinalou que o seu compromiso debe ser coa cidadanía galega, polo que "calquera outra competencia que exixa compatibilidade máis alá da fronteira de Pedrafita, non ten sentido".