A Galiza decide a súa representación en Madrid

A campaña xa está formalmente aberta. As principais forzas políticas aproveitaron a tradicional pegada de carteis para facer unha chamada á participación nas eleccións estatais do 23 de xullo e enunciar as ideas forzas da súa proposta programática para uns comicios que todos os expertos coinciden en sinalar como abertos. Precisamente, este escenario leva as formacións políticas galegas a unha intensa campaña electoral, co obxectivo de decantar o electorado indeciso, cuxo sufraxio, máis unha vez, volverá ser chave.

Actos do PP, BNG, PSdeG e Sumar (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Actos do PP, BNG, PSdeG e Sumar (Fotos: Nós Diario)

 A xornada de apertura de campaña do PP, PSdeG, Sumar e BNG foi significativa de como se atopan os comicios. Un intenso calendario de actos en diversos puntos do país, co obxectivo de reforzar as liñas argumentais, nun escenario electoral moi mobilizado e cunha porcentaxe de voto decantado superior á doutros procesos. Neste sentido, a enquisa publicada na cuarta feira polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sitúa a cifra de indecisos e indecisas na Galiza en 15,5%, na liña doutras sondaxes publicadas nas semanas previas.

O estudo do CIS cuantifica en perto de 250.000 o número de persoas indecisas. A maior parte deste colectivo está formado por menores de 30 anos, sendo este o grupo de idade que tradicionalmente máis tarda en decidir o seu sentido de voto e, onde, as porcentaxes de abstención son máis elevadas. Neste sentido, explícase que unha parte importante das mensaxes chegadas na xornada de onte desde as formacións políticas do espectro progresista e do nacionalismo estiveran dirixidas á mocidade.

Os datos achegados pola administración electoral confirman o previsto incremento do voto por correo. Neste sentido, os expertos non se atreven a facer en base a esas cifras unha extrapolación da participación e vincúlano as datas escollidas para os comicios.

Rueda arranca a campaña do PP en Ferrol

O Partido Popular desenvolveu en Ferrol o seu acto central de apertura de campaña na Galiza. Os populares escolleron a única cidade que gobernan no país para a unha primeira pegada de carteis onde participaron o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rei, e o candidato número 1 da formación pola circuncisión da Coruña, Miguel Tellado, anterior secretario xeral do PP da Galiza e actual vicesecretario de organización do partido a nivel estatal.

Alfonso Rueda cargou na súa intervención contra nacionalistas e socialistas. Nesta dirección, afirmou que “unha España forte sempre contribúe a unha Galiza forte. E que, polo tanto, están equivocados tanto os nacionalistas que cren que máis Galiza é menos España como os socialistas que obedecen a Ferraz antes que aos intereses dos galegos. Así, rematou que “os galegos non quere nin nacionalismos nin sucursalismos” e acusou o “Goberno do Estado por utilizar Galiza para castigar Núñez Feixoo”.

O cabeza de cartel dos populares por Madrid e candidato á Presidencia do Goberno estatal, Alberto Núñez Feixoo, participou na maña de onte nunha xornada na súa localidade natal, Os Peares, no concello da Peroxa, na comarca de Ourense. Feixoo asegurou que “non defraudará os españois” e manifestou que seguirá "valorando o esforzo e a humildade da xente, seguirei tendo a modestia e a humildade como faros fundamentais para guiar a miña acción política e seguiremos traballando co empeño de mellorar o noso país como traballamos aquí".

Pontón insta a ter un grupo galego forte en Madrid

Os nacionalistas reuníronse na capital da Galiza para dar arranque á campaña. O acto, que decorreu na praza do Toural, contou coa intervención do cabeza lista do BNG ao Congreso dos Deputados pola circunscrición da Coruña, Néstor Rego, da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Esta última indicou que a súa formación “sae a por todas para darlle á Galiza un grupo orgullosamente galego ante Madrid".

Pontón indicou que “Galiza xógase estar defendida no Congreso, ter a capacidade de conseguir investimentos, transferencias, melloras para o nos país”. Nesta orientación, explicou que “iso non o van facer as forzas estatais, esas que votan unha cousa aquí e a contraria en Madrid”, porque “só o BNG ten as mans libres para defender os intereses da xente deste país ante un Goberno do Estado”. Por último, aseverou que “non imos fallar ante un PP cada vez máis ultra de ganchete desa extrema dereita profundamente antigalega. Seremos muro de contención contra esa parella de feito que nos quere levar ao pasado en branco e negro”.

Rego amosouse confiado en que “o Bloque pode facer historia cun grupo galego forte que defenda unha Galiza con máis capacidade, máis próspera e con máis benestar". Ao tempo, asegurou que “non houbo cuestión que afectara este país que non se levara ao Congreso, xa fosen os investimentos para recuperar o déficit histórico provocado por gobernos do PP e PSOE ou a urxencia de reverter a crise demográfica e industrial".

Previamente, pola mañá, Pontón presentou oficialmente as e os candidatos número 1 do BNG ao Congreso nun acto en Compostela co propio Rego, Carme da Silva -que pola tarde foi unha das primeiras na Galiza en amosar o cartel de campaña cunha "colada virtual" en Vigo e Pontevedra-, Daniel Castro e Noa Presas.

Formoso comezou en Vigo a campaña do PSdeG

Vigo foi  a praza escollida polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, para a pegada inicial de carteis. O máximo responsábel dos socialistas galegos estivo acompañado no acto polos cabezas de lista ao Congreso e ao Senado pola circunscrición de Pontevedra, David Regades e Carmela Silva. Á mesma hora, o ministro de Sanidade e candidato do PSdeG pola Coruña, José Miñóns, participaba nun acto en Compostela, onde chamou a concentrar o voto na formación socialista.

O secretario xeral do PSdeG destacou que “os socialistas afrontan estas dúas semanas con ilusión e cargados de enerxía para defender os avances logrados nestes últimos cinco anos co Goberno de Pedro Sánchez”. Nesta perspectiva, significou “o enorme retroceso que significaría a chegada dun Goberno da dereita e da ultradereita que comprometería algúns dereitos, liberdades e conquistas”.

González Formoso chegou a Vigo após dedicar a mañá de onte á mocidade. Así, en compañía do secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, reclamou “darlle a volta ás enquisas” e pediu o voto “para o PSOE para que haxa na Moncloa un Consello de Ministros que defenda os pensionistas e non un Consello de Administración de PP e Vox que beneficie o sector bancario, enerxético e privatice a sanidade e as pensións”.

Yolanda Díaz arrancou na Coruña con Ada Colau

Sumar deu comezo á campaña electoral na Coruña. Alí, desprazouse a líder da formación e cabeza de lista por Madrid, Yolanda Díaz, a ex alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, a candidata número 1 ao Congreso por Pontevedra, Verónica Barbeiro, e a cabeza de cartel pola Coruña, Marta Lois, que participaron nun acto público e na posterior pegada.

Díaz chegou á Coruña procedente de Madrid, onde interveu nun encontro sobre educación. A ministra comprometeuse onte a xerar 500.000 "empregos verdes nesta lexislatura" que vén.

“Sumar Galicia é o voto da política útil, é voto para facer mellor a vida da xente, a vida das traballadoras e traballadores”, dixo Marta Lois. “A toda a Galiza progresista, pedímosvos o voto para que este país avance e non retroceda. É por Yolanda, polas súas conviccións, polo seu sentido da xustiza social, polo seu espírito loitador, polo seu sorriso, polo que representa e tamén polas mulleres galegas, polo que dou o paso a presentarme por Sumar", dixo Marta Lois.

Comentarios