Villares depura o seu discurso

Galiza é un "estado de ánimo"

Nova achega ás múltiples caracterizacións do país. Que somos, de onde vimos, cara onde imos? Desta volta é a quenda de Luís Villares, o líder de En Marea. Que é Galiza? "Galiza é un estado de ánimo conformado por unha comunidade humana que ten un proxecto de convivencia". Unha definición que evoca o axioma de Jorge Valdano, unha equipa é un estado de ánimo. Villares propuxo esta cuarta feira elevar o gasto público da Xunta até chegar "ao máximo legal".

unnamed (2)
photo_camera Luís Villares, nun momento do acto

Somos un estado de ánimo. Somos unha familia "porque temos vínculos, porque nos preocupamos do futuro". Así definiu Luís Villares Galiza durante a conferencia -baixo o título O País que queremos compartir- que pronunciou esta quinta feira no Fórum Europa, un acto que tivo como cenario o Hostal Reis Católicos de Compostela. "Podedes chamarlle nación", completou Villares o retrato do país.

Ese proxecto común expresaríase a través dunha "imaxe", a soberanía, e tería, ou debería ter, "a capacidade de autogoberno posta ao servizo do ben comùn". Niso viría a consistir a política, de acordo coa concepción villarista. "As familias non deixan ninguén fóra da mesa; nós, como país, tampouco, por iso un proxecto político que valla a pena ten que se basear na xustiza social, na solidariedade de todos os seus membros entre si e interxeracionalmente".

A xustiza social só pode chegar -argumentou Villares- a partir da construción dunha "economía da igualdade", cun "sistema de financiamento xusto, baseado na soberanía fiscal". Un discurso de inspiración nacionalista. Mais como a confluencia requere non deixar tecla sen tocar, esa economía debería tamén afincarse no "principio de cooperación estatal e europeu". Frase moi do gosto das freguesías de Podemos e Esquerda Unida. Todos integrados. Ben, talvez non tanto: no Reis Católicos houbo certas ausencias ben significativas -nen rastro dos alcaldes da Coruña e Ferrol nen de dirixentes de Podemos- , aínda que Villares -que foi apresentado pola profesora da USC e ex militante do BNG Alba Nogueira- si contou coa presenza do rexedor da capital do país Martiño Noriega, ben como dos parlamentares de En Marea Paula Vázquez Verao (Cerna), Davide Rodríguez (Anova) e Manuel Lago (independente próximo a Esquerda Unida).

As familias non deixan ninguén fóra da mesa; nós, como país, tampouco, por iso un proxecto político que valla a pena ten que se basear na xustiza social

Villares enfiou o seu discurso a partir da análise dun dos principais problemas do país, o devalo demográfico, un conceito baixo o que se agocharía "unha implosión social, económica, territorial e mesmo democrática, que ocasiona a perda de poboación para o noso país".

Mais Villares esforzouse por non proxectar un estado de ánimo derrotista, así que deixou para o final da conferencia unha raiola de esperanza. E, como mandan os cánones do discurso político, unha proposta. Desta volta o líder de En Marea ofereceu un Novo Trato Cidadán, en termos retóricos, a disposición a "reverter o tópico resignado de que aquí non hai futuro".

E en que se concretizaría ese new deal villarista? Pois nunha proposta basicamente keynesiana: a expansión do "gasto público total" até levar o orzamento da Xunta ao seu "máximo legal". O obxectivo final sería "acadar (contando as funcións de benestar do Estado) a media europea", isto é, "pasar de 26 a 32 por cento do PIB para destinalo integramente ás políticas públicas que incrementen o benestar e xeren confianza no futuro".

Comentarios